Entrevista de Montse Dopico a Carme Fouces en Praza (foto de Andrea Area):
“(…) – Praza (P): O Salón do Libro conseguiu entón ser un impulsor do tecido asociativo e cultural?
– Carme Fouces (CF): O Salón é o único evento de todo o país destas características: temos moitos días, moitas actividades… polo que hai sitio para moita xente. E sería ideal que ao Salón lle saísen réplicas noutros sitios. Mais si, a LIX avanzou moito, pero Pontevedra somos quizais os que me máis destacamos nese avance. Quero dicir que, arredor do Salón, foise formando todo un ámbito profesional: Baobab, Migallas, Pavís Pavós, Raquel Queizás, Bea Campos…
Hai un monte de xente de Pontevedra que foi medrando como profesional ao abeiro do Salón. O Salón foi o artífice de poñer en marcha moitos proxectos culturais paralelos. E despois hai algo tamén importante, que é que Carballo, Rianxo e Sarria pídennos parte da decoración -que é o máis caro-, que nós lles cedemos, para facer o seu propio salón, a outra escala, claro. E iso tamén reverte nunha reactivación cultural de concellos máis pequenos.
– P: Un dos vosos obxectivos era facer ver que a LIX non é unha literatura de segunda categoría nin é só para crianzas. A LIX, en xeral, avanzou moito nas últimas décadas: ten bos resultados en termos de mercado, recibe moitos premios… En que medida se conseguiu ese obxectivo de atraer lectores adultos?
– CF: Unha parte do noso público son persoas que levan vindo ao Salón 20 anos. Que levan moito tempo vendo espectáculos, lendo… E son un público exixente, ademais, porque son persoas afeitas a unha programación de calidade.
A literatura infantil e xuvenil deixou de ser uns contos con debuxiños para pasar a ser considerada unha linguaxe universal, e eu convido a todo as persoas a que se acheguen a ela sen prexuízos, porque ademais é literatura, moitas veces, máis valente que a literatura para adultos, porque toca temas de debate actual coma a eutanasia, o acoso, os problemas alimentarios, a emigración, a violencia de xénero… Temos unha literatura infantil e xuvenil que toca os temas que poden ser de interese para a sociedade, sen edulcoralos, e por iso tamén é unha literatura cada vez máis premiada e moi recomendable para todo o mundo.
– P: Foi aumentando o espazo dedicado ao Salón, a participación, cada vez máis entidades implicadas, máis actividades… Cales foron as principais transformacións que viviu o Salón?
– CF: Tivemos un tempo no que aumentaba cada vez máis o alumnado e producíanse momentos de stress, con moito alumnado xunto. Por iso fomos collendo cada vez máis espazo, para poder diferenciar os grupos. Outro avance foi introducir o ámbito profesional, e de feito este ano temos o II Congreso de Mediación Lectora. Os nenos e nenas non teñen un acceso directo á LIX, precísanse mediadores que son os que fan as escollas: os libreiros, os bibliotecarios… E eses mediadores teñen que estar preparados. O Congreso foi un éxito: temos 150 inscritos…
Outra mudanza foi o traballo con adolescentes. Porque notabamos que tiñamos un público que viña regularmente mentres facía primaria, pero ao chegar ao instituto deixaba de vir, e moitas veces volvía despois xa como adulto. Comezamos, por iso, a programar actividades que puidesen conectar con ese público adolescente: o cineforum, obradoiros de banda deseñada… (…)”