Tu contas e eu conto de Susana S. Arins, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Hai escritas que se acompañan con rituais necesarios. No meu caso acontéceme cos libros de Susana Sanches Arins. Nos días da publicación fuxo, a canto dan os pés, de calquera spoiler. Tapo as orellas, como as crianzas, e repito “non te escoito, non te escoito” para non romper a maxia. Esperar que chegue a obra á libraría coa emoción da noite de reises. E reservar o tempo porque sei que o preciso nada máis saia pola porta. Ese tempo sen teléfono, sen compromisos. Ese tempo só para escoitar os contos de Susana S. Arins. E volta o verbo escoitar cos ollos, oír na lectura porque as grandes contadoras, como Susana S. Arins, saen do papel para transmitirnos a memoria do miúdo. A memoria do cotián, desas cousas do íntimo das que ninguén fala e que son as heroicidades diárias como sobrevivir á precariedade ou regresar á casa despois de sentir o medo no corpo. O privado e o público. O político desde o persoal. Repensar onde estabamos o día do accidente do Alvia ou na nevarada de 1987. A narradora, nunha auto-ficción maxistral, cóntanos que facía ela ese día e nós tamén queremos saber. E, nese instante, prende a maxia. A faísca primixenia para sabernos parte da historia. Dentro. Porque a Historia que se conta nunca é individual: está quen cala e quen obriga a calar. Tamén quen ofrece as liñas do papel para erguer a voz:

E deu um nome. E sabia. (…)”