Ana Romaní, Premio da MITEU de Ourense

Desde Erregueté:
“A organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) vén de outorgar o seu premio deste ano á xornalista, autora e académica Ana Romaní.
A Mostra de Teatro Universitario de Ourense, que celebra estes días a súa 24ª edición, distingue a aquelas persoas que apoian á cultura, á formación e ao teatro. A organización declarou que “Ana Romaní sempre foi valedora da cultura galega e desde onde estivo e está sempre axudou a unha iniciativa como a MITEU”.
A acta, así mesmo, sinala que “o seu Diario Cultural é un exemplo de programa amante e colaborador coa cultura do país. É unha muller que defende algo tan esencial nunha sociedade democrática como é a cultura e a liberdade de expresión. De aí o noso agredecemento e recoñecemento”. (…)
O Premio da MITEU entregarase o día 11 de maio, no Teatro Principal de Ourense, na clausura da 24ª MITEU. Nesta clausura daranse a coñecer tamén os premios do xurado, do público e de resolución técnica da edición.”