O 19 de xuño de 2019, entre as 09:30 e as 14:00 horas, no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Santiago de Compostela), a AELG propón unha sesión formativa sobre Creación e sector editorial. Estratexias, contratos e traducións, impartido por Carlota Torrents, da axencia literaria Asterisc Agents.
A inscrición é gratuíta, mais é preciso facer a reserva no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o nome, apelidos, teléfono de contacto e correo electrónico.
Hai un máximo de 20 prazas, tendo preferencia na inscrición as/os autoras/es socias/os da AELG e/ou CEDRO.
O prazo de inscrición remata o 14 de xuño de 2019.
PRESENTACIÓN
Quen escribe faino normalmente para ser lida/o e traducida/o por tantas persoas como sexa posíbel chegar. Mais quen escribe sabe tamén que nin iso é fácil nin está ao alcance de moitas persoas. Non por iso deixará de escribir nin de loitar para chegar a un soño que só se consegue con talento, esforzo e algo de sorte. Con todo, se a esa sorte lle botamos unha man, quizais as posibilidades de conseguir o soño fiquen máis cerca.
Ante a cantidade inxente de rexeitamentos editoriais, hai quen decidiu autopublicarse e autopromocionarse a pesar dos ambiguos resultados, das moitas horas que iso esixe e de que se trata de horas roubadas á escrita. A autopublicación, ademais, soe ter un límite infranqueábel: a tradución a outras linguas. Como conseguilas sen os coñecementos necesarios?
Tamén hai quen ante a posibilidade de publicar nunha editorial comercial faino sen rede, asinando calquera contrato sen apenas lelo ou, mesmo aínda peor, sen contrato algún. Este camiño, máis seguro en canto á difusión, regulación da edición e o seu copyright e tamén máis acolledor, presenta dúas situacións dificilmente solventábeis. Por unha banda, o feito de asinar un mal contrato sen sabelo (se é que se asina algún) e, por outra, a posibilidade de conseguir posíbeis traducións. Mais aínda escollendo este camiño, nin o contrato será seguro nin as traducións fáciles.
Entón, ante este panorama, que pode facer un autor ou autora coa súa obra, sexa ficción ou non ficción? Debería defender mellor os seus dereitos de autoría ante un contrato editorial? Pode ir presentarse ás feiras manuscrito en man? Podería autotraducirse e probar sorte nos mercados? Podería falar cun axente literario? É evidente que hoxe en día hai máis vías que nunca para conseguir publicar unha obra, mais iso aumenta proporcionalmente a competencia. E é igual de evidente que nun mundo globalizado debería ser máis fácil chegar á outra beira do planeta, aínda que, xustamente por ser globalizado, a diversidade desaparece e todos somos mainstream.
Con esta formación preténdese:
– Dar ferramentas a quen escribe para defenderse dentro do sector editorial.
– Explicar os coñecementos básicos para entender un contrato.
– Entender os dereitos da/o autor/a e as súas obrigas coa editora.
– Entender que pode agardar do sector e que non.
– Entender que un/ha autor/a non debería ir ás feiras profesionais do libro.
– Aprender que mecanismos ofrece o sector para autoras/es que desexen internacionalizar a súa traxectoria.
QUEN IMPARTE O SEMINARIO
Carlota Torrents. Axente literaria. Asterisc Agents.
Estivo vinculada ao mundo dos libros e a cultura desde sempre. Traballou en varias casas editoriais e foi directora en Eumo Editorial.
Como xestora cultural traballou na Institució de las Lletres Catalanes, desde onde participou en campañas como O Ano do Libro e a Lectura en 2005 ou Cara a Frankfurt en 2007, entre outras. Foi cocreadora da plataforma de lectura máis popular en catalán, “Què llegeixes?” e actualmente é subdirectora do Máster en Edición da BSM_UPF, do que foi alumna.
En 2016, e despois de 8 anos na axencia literaria de Silvia Bastos e unha breve estadía en Carmen Balcells, montou xunto con Natàlia Berenguer a súa propia axencia: Asterisc Agents.
A QUEN VAI DIRIXIDO O SEMINARIO
Esta sesión formativa vai dirixida escritoras e escritores que desexen:
– Ampliar o seu coñecemento do sector editorial.
– Mellorar a aproximación á edición para tratar de publicar a súa obra.
– Xestionar persoalmente a negociación ante unha contratación editorial.
– Entender usos e costumes do sector.
OBXECTIVOS DO CURSO
– Ter unha visión máis profunda e real dos diferentes axentes e escenarios do sector editorial.
– Ter unha base sobre a que reflexionar sobre os seus obxectivos como autor/a
– Adquirir unha visión estratéxica para contactar coas editoriais.
– Familiarizarse cos conceptos básicos dun contrato de edición.
– Afrontar a negociación dun contrato editorial con maior seguridade.
ESTRUTURA DO SEMINARIO
Primeira parte: CREACIÓN. BUSCA DE EDITORA
Por onde comezar.
1. Panorama editorial actual. Unha dose de realismo.
2. Vender a miña obra:
1. Por que a editora me tería que querer publicar?
Contextualización e realidade editorial.
2. Que escribín? Cal é o meu obxectivo: publicar ou construír un proxecto editorial e unha carreira sólida?
§ Cal é a miña achega ao panorama editorial?
§ Que distingue a miña obra de outra publicada recentemente?
§ Podo competir con outras/os autoras/es que hoxe publican?
§ Que quero: escribir ou ser escritor/a?
3. O pitch: a chave para vender a miña obra.
– A carta de presentación: como conseguir a atención da editora.
– A escolla de editoriais: Que están buscando as editoras? O meu libro encaixa no seu catálogo? Cabeza de rato ou cola de león?
4. Xa conseguín publicar. E agora que?
– Mercado galego/estatal: difusión da obra.
– Mercado internacional: as traducións
– Como manexar os propios dereitos de tradución.
– É a axencia literaria unha opción?
– Feiras e salóns.
– Becas e estancias para escritoras/es.
Segunda parte: CONTRATACIÓN EDITORIAL
Unha aproximación.
– Conceptos e principios básicos.
– Que é negociábel e que non?
– Dereitos e obrigas.
Terceira parte: O OBRADOIRO
Como negociar mellor un contrato.
Como afrontar unha negociación contractual.
No obradoiro pode participarse de maneira activa ou como observador/a, aínda que se recomenda á persoa participante vir con gañas de participar.
O obradoiro está pensado especialmente para aquelas/es que non negociaron xamais un contrato (aínda que asinasen moitos).
Práctica
– Presentaranse situacións distintas e roles varios para que as persoas participantes poidan experimentar o máximo de situacións.
– Estudaranse as posíbeis solucións de negociación ante unha mesma realidade.
FORMATO DO SEMINARIO
Duración: 4 horas e media con pausa de media hora, repartida en 15 min.
1h 30min |
1ª parte: Creación e busca de editora |
Pausa: 15 min |
|
1h 30min |
2ª parte: Contratación editorial |
Pausa: 15 min |
|
1 h |
3ª parte: Obradoiro. Como negociar mellor un contrato |
A Xornada A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial en apertura, organizada polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Olga Castro, Laura Linares e Dolores Vilavedra, e que terá lugar o luns, 17 de xuño de 2019, no Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. O encontro conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras, CEDRO, o Centre for Language Research at Aston, Aston University, e o Irish Centre for Galician Studies, University College Cork.
– O mercado editorial en inglés caracterizouse durante décadas por ser moi pechado e outorgarlle un espazo reducido ás traducións desde outras linguas. Un informe encargado polo organismo Literature Across Frontiers desvelou que entre o 1990 e o 2012 a literatura traducida ocupou derredor do 3 por cento do mercado editorial en Irlanda e Gran Bretaña. No entanto, a situación parece estar a mudar nos últimos anos. Informes máis recentes apuntan cara a unha tendencia aperturista á tradución por parte das editoriais británicas, especialmente na narrativa chegada doutras linguas europeas. Dentro delas, semella haber un interese particular naquelas literaturas máis pequenas, entendidas como as escritas en linguas pouco traducidas, mais que dependen da tradución para chegaren a un público internacional. Neste cambio de tendencia ten moito que ver o labor de organismos como o English PEN Translate, Literature Across Frontiers ou Literature Ireland, pero tamén o auxe e proliferación de novos proxectos editoriais independentes, ávidos por darlle unha cada vez maior cabida á tradución, que de feito están a se converteren en auténticos pioneiros do activismo en tradución ao inglés.
– Partindo desta nova situación de aperturismo no contexto británico e irlandés, estas xornadas tratan de explorar novas oportunidades para a internacionalización da literatura galega no mercado anglosaxón. Este novo encontro iniciarase o luns, 17 de xuño, cunha xornada estruturada nun formato de mesas de debate en interacción co público que busca fomentar o diálogo entre as/os distintos axentes implicados, identificar novas estratexias de acción, promocionar sinerxías entre contextos académicos e iniciativas editoriais británicas e galegas e mellorar o entendemento cos organismos públicos encargados do fomento da tradución da literatura galega.
– As mesas de debate complementaranse con obradoiros formativos (martes 18 de xuño e mércores 19 de xuño), especificamente dirixidos ás editoriais galegas e ás escritoras e escritores galegos, organizados en colaboración coa Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) respectivamente.
– En definitiva, esta actividade resultará de interese a tradutoras/es literarios que queiran traballar co mercado anglosaxón, a escritoras/es galegos que queiran internacionalizar a súa obra, a axentes literarias/os, a editoriais galegas con obra para vender, a persoal da Administración que traballe no eido da promoción literaria e cultural, a estudosas/os das políticas de tradución e, en xeral, a persoas con interese na literatura galega e na súa tradución. Para isto contaremos coa participación de Ana Luna (Grupo Bitraga, Uvigo), Manuela Palacios (USC), Richard Mansell (University of Exeter), Silvia Montero (Grupo Bitraga, Uvigo), Laura Linares (University College Cork), Ondrej Vimr (University of Bristol), Martin Veiga (University College Cork), Cristina Rubal (Xunta de Galicia), Olga Castro (Aston University), Clive Boutle (Francis Boutle Publishing), Stefan Tobler (And Other Stories), Susie Wild (Parthian Books) e Henrique Alvarellos (AGE). Os obradoiros formativos os días 18 e 19 de xuño estarán impartidos por Carlota Torrents (axencia literaria Asterisc).
Aquí pode consultar o PROGRAMA.
Neste enlace pode facer a súa INSCRICIÓN para a xornada de debate do día 17 de xuño.
A inscrición para os obradoiros formativos os días 18 e 19 de xuño corren a cargo da Asociación Galega de Editoras (s.tecnica@editorasgalegas.gal) e Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (oficina@aelg.org). Para asistir a estes obradoiros é necesario que as persoas interesadas se poñan en contacto coa entidade correspondente nos correos sinalados.
Na xornada haberá servizo de interpretación simultánea ao inglés e tamén desde o inglés ao galego.