“Sinfonía das apalpadelas”, por Arancha Rodríguez

Artigo de Arancha Rodríguez na Sega:
“Enfróntome á primeira lectura do poemario Linguaxes Dixitais (Ed. Urutau, 2018), de Clara Vidal, esperando –polo título– unha sorte de imaxinario tecnolóxico, se cadra unha distopía futurista. Atopo, logo de varias lecturas, un poemario que nos interpela a moi distintos niveis, todos sensoriais, un poemario que redescobre moitas cousas que sempre estiveron aí, máis analóxicas que tecnolóxicas; máis orgánicas que futuristas.
Se tivese que resumilo nun só concepto, Linguaxes Dixitais é sede: unha sede inmensa de todo, unha vontade da voz poética de se empapar de todo o que flúe na súa contorna, e de facelo precisamente a través do tacto. Daí a importancia do díxito como marca identitaria deste suxeito poético curioso, que se inserta no vivido como as mans no pan sen fornear, mais tamén o díxito como xeito de interrogar e interactuar co mundo.
Isto lévanos directamente á primeira parte do poemario: linguaxe corporal. Unha parte que comeza cun “fozabas en min a lingua” que presenta unha clara escrita desde o corpo. Asegura a crítica Nora Catelli que desta escrita desde o corpo xorde a intimidade, comprendendo o corpo como o lugar máis íntimo pola súa intransferibilidade. Así, Clara Vidal vai trasladándonos, co corpo e coa lingua, a instantes tan punzantes como instransferíbeis.
A lingua aparece neste poemario como sinónimo de vida, e a vida como orixinaria da terra; deste xeito esta linguaxe corporal ofrece a poesía como unha gastronomía: un xeito de beber os versos, de encarnalos (e tamén aí, nese acto de canibalismo sensíbel, a erótica, presente ao longo de todo o texto).
Polo tanto, o dixital aparece como un xeito de elevar o verbo vivir, de facelo máis intenso, de permear en todo, e a lingua como unha potencialidade que converte os instantes que describe en verbos reflexivos. Así, todo se devora. (…)”