“Chus Pato: poemas sobre a vida contraria á mercadoría”

Artigo e entrevista de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Son voces que cantan á igualdade, refugan a idea de propiedade, pensan a vida como antítese da mercadoría. Atravesan tecidos vexetais, edificios que vibran, ao fondo os faros, deuses, pedras, os animais, incluídos os sapiens. Un libre favor (Galaxia, 2019), décimo primeiro libro de Chus Pato, explora ademais o que a autora denomina “contención do eu autorial” na escrita.
“Concibo o poema como unha atención, unha escoita, como un tacto ou unha intelixencia cara a certos usos da linguaxe que chamarei poéticos”, explica Pato (Ourense, 1955) a Sermos Galiza vía correo electrónico. Que en Un libre favor se enfrontou ademais á necesidade de “dominar a ansiedade” no traballo coa materia poética. O poema como acción sensíbel de intervención, ao cabo.
Dous eixes sosteñen unha obra de elevada densidade. Sintetízaos en dous conceptos que respiran ao longo das páxinas do libro, o natal e a mímese arcaica. O primeiro nace nun verso do poeta alemán usualmente adscrito ao romanticismo Friedrich Hölderlin. “O natal é o máis difícil’, dicía. Eu reflexionei moito sobre iso, porque o natal é a patria, é abrir os ollos, é o contacto coa vida”, afirma, “e a vida nunca nos pertence, nacemos sen querer nacer e morremos sen querer nacer. É impropia, non temos propiedade sobre ela”. (…)”