Bases do II Certame de poesía Torre de Caldaloba

BASES

PRIMEIRA.
Poderán concorrer ao certame todos os autores e autoras que o desexen, independentemente da súa finalidade, sempre que presenten as súas obras en lingua galega.
SEGUNDA.
Establécense as seguintes categorías:
Menores de 18 anos.
De 18 anos en diante.
TERCEIRA.
Establécense catro premios en función das categorías:
Para a categoría 1:
– 1º premio: Un lote de libros e unha tableta.
– 2º premio: Un lote de libros e un libro electrónico.
Para a categoría 2:
– 1º premio: 1.500 € máis a publicación da obra no prazo dun ano, contado a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínima de 300 versos e unha máxima de 600 versos.
– 2º premio: accésit máis a publicación da obra no prazo dun ano, contando a partir do fallo do xurado para poemarios que teñan unha extensión mínima de 300 e unha máxima de 600 versos.
Así mesmo, as persoas gañadoras recibirán unha figura conmemorativa e un diploma.
No caso dos nenos e nenas menores de idade, á hora de recibir o premio, a persoa gañadora estará acompañada polo seu pai, nai ou titor.
CUARTA.
Os poemas presentaranse escritos en lingua galega.
No caso dos menores de 18 anos, os poemas terán unha extensión máxima de 60 versos.
No caso de maiores de 18 anos, os poemas terán unha extensión mínima de 300 versos e máxima de 600 versos.
Presentaranse escritos a ordenador, a dobre espazo, por unha soa cara, con tamaño de letra 12, tipo «Arial».
Deberán ser orixinais, inéditos e non premiados en ningún outro concurso ou certame literario. A súa temática, métrica e rima será libre.
O incumprimento dalgunha destas condicións na obra premiada significaría a anulación da adxudicación e, logo, o xurado procedería a formular de novo a proposta de adxudicación ou declararía deserto o premio.
QUINTA.
O prazo de entrega remata o 4 de outubro de 2019.
Enviaranse tres copias dos traballos por correo ordinario, sen sinatura e cun lema á seguinte dirección:
Concello de Cospeito sito en Avda. Terra Chá n°29, Feira do Monte, 27377, Cospeito, Lugo
Nun sobre á parte e pechado constará o lema da obra que identifique o traballo, o pseudónimo e categoría do participante e, no seu interior, os datos do autor/a: nome, apelidos, idade, enderezo electrónico, número de teléfono, enderezo postal completo e declaración formal de que a obra se axusta ás normas contidas nas bases da convocatoria.
En caso de que as obras se envíen por vía electrónica farase a través da dirección www.concellodecospeito.sedelectronica.es, na que se indicará o lema do traballo e na que se achegará o arquivo en formato PDF co contido da obra. As persoas que opten por esta vía deben enviar por correo ordinario e nun sobre pechado o comentado anteriormente: o lema da obra que identifique o traballo, o pseudónimo e categoría do participante e, no seu interior, os datos do autor/a (nome, apelidos, idade, enderezo electrónico, número de teléfono, enderezo postal completo e declaración formal de que a obra se axusta ás normas contidas nas bases da convocatoria).
O xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ao disposto nesta base, unha vez requirida a documentación que falte e dado o preceptivo prazo de dez días para a corrección de erros (art. 68 da Lei 39/2015 do 1 de outubro).
Non se deben poñer os datos do remitente, senón os traballos serán nulos.
Cómpre destacar que só se abrirá o sobre do traballo premiado.
SEXTA.
De acordo coa Lei 15/1999 do 13 de decembro de protección de datos de carácter persoal, os datos dos participantes serán tratados de forma confidencial co fin de garantir e protexer as liberdades públicas e os dereitos fundamentais das persoas físicas, así como a súa honra e a súa intimidade persoal e familiar.
SÉTIMA.
Os/as autores/as premiados/as convocaranse para o acto de entrega dos premios o día 14 de decembro de 2019 na sede do local social municipal de Pino.
OITAVA.
Formarán parte do tribunal con voz pero sen voto os seguintes:
– Presidente do tribunal: Alcalde-Presidente do Concello de Cospeito.
– Secretario do tribunal: Secretario da Corporación Municipal do Concello de Cospeito.
– Vogais do tribunal: Concelleira de Educación e Cultura do Concello de Cospeito, Presidente da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, Secretaria da Asociación Recreativa Cultural San Martiño de Pino, ou persoas en quen deleguen.
O fallo será dado a coñecer o 29 de novembreo de 2019 a través dos medios de difusión e será comunicado ás persoas gañadoras. Os premios entregaranse nun acto convocado a tal fin o 14 de decembro de 2019.
O xurado con voto encargado de avaliar os traballos presentados estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e a súa composición será dada a coñecer xunto coa emisión do resultado. Así mesmo, o xurado poderá declarar desertos algún ou todos os premios motivando para iso a súa resolución (art. 35 da Lei 39/2015 de 1 de outubro).
NOVENA.
As obras orixinais quedarán en poder do Concello de Cospeito, o cal se reserva os dereitos de explotación, produción, distribución, exposición, transformación, tradución ou calquera outro tratamento posterior do traballo, sempre sen ánimo de lucro.
As obras non premiadas poderán ser devoltas no prazo dun mes despois da proclamación das persoas premiadas. De non ser así, serán destruídas.
DÉCIMA.
Os concursantes, polo feito da súa participación, aceptan en todos os seus termos as presentes bases. Calquera outra circunstancia non prevista nas mesmas será resolta polo tribunal.”