O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba xa ten obras gañadoras

“O VI Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que convocan o Concello de Cospeito e a Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ, xa ten obras gañadoras.
O pasado mércores, 22 de novembro, o xurado formado por Armando Requeixo, Xosé Otero Canto e Maurizio Polsinelli acordou por maioría de votos o seguinte fallo:
1º PREMIO para Xurxo Alonso García, pola obra Non deixedes na mesa nin leite nin pan, da cal o xurado destacou que é un poemario onde a palabra xorde como unha fervenza que escorrega polo regueiro da ausencia.
2º PREMIO para Paulino Peña Álvarez, pola obra Vaira e Cristal, da que dixo o xurado que se trataba dun poemario en verso breve que destaca pola capacidade de entregar ao lector unha memoria aínda intacta de vivencias pasadas, grazas tamén á eficacia dunha linguaxe culta e refinada.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro 2 de decembro, a partir das 12 h., no local social de Pino.”

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de #Microrrelatos

O Concello de Vilalba fixo entrega dos premios aos gañadores da V Edición do Concurso de Microrrelatos. Un certame, que organizamos en colaboración con Culturalia GZ co obxectivo de conmemorar o Día do Libro 2023 e fomentar na poboación o achegamento á lectura literaria.
Así, en categoría infantil, o gañador é Duarte Mariño Torrado co seu texto Historias da semente. O segundo premio é para Paula Pérez Cendán, por Unha noite no Cemiterio e o terceiro para Arwen Fernández García, por O libro.
En categoría xuvenil, Berta Comesaña Alonso logrou o primeiro premio coa obra Cifras. A segunda praza é para Noa Domínguez Moreda, por Memorábel, mentres que o terceiro premio recíbeo Óscar Linares González, por O neno e a cidade.
Na categoría de adultos, o mellor microrrelato foi A Vaca de Raquel Fernández Fernández. A segunda praza é para Isabel Vázquez Rodríguez, por Paralelas Diverxentes, mentres que a terceira posición é para Enrique Manuel Neira, por Naufraxio dobre.
Os tres mellores microrrelatos na ultima categoría mencionada recibiron os premios recollidos nas bases que, no caso dos adultos, son, respectivamente, de 300, 200 e 100 euros. Así mesmo, os galardoados na categoría infantil e xuvenil recibirán libros e material escolar.
Os gañadores leron as obras premiadas mentres que os músicos Baruk Domínguez e Esteban Cabana amenizaron a sesión, na que a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, e a Alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, agradeceron a implicación de todos os que contribuíron a sacar adiante a convocatoria.
O próximo ano a editorial Alvarellos publicará a obra que recolle as nove creacións nas tres categorías de infantil, xuvenil e persoas adultas, xunto coas gañadoras do 2024. Será o terceiro volume deste galardón que xa consolida o seu futuro e que cada ano recibe máis orixinais.

Bases do VII Certame Vilariñas, 2023

BASES

“A Nova Poesía Guitirica NPG e Os Vilares Lareira de soños convocan o VII Concurso de micropoesías Vilariñas no que poden participar todos @s escritores/as que queiran.
A participación neste concurso é completamente de balde.
Os micropoemas presentados ao concurso serán inéditos, orixinais e non premiados nin publicados. Xs autorXs son responsables tanto deste punto como da autenticidade dos seus propios datos.
O tema será “Libre”. Cada participante podrá enviar un micropoema que debe estar escrito en GALEGO ou PORTUGUÉS en calquera das normativas, e presentarase ao concurso a través do correo electrónico dosvilares@gmail.com ou npggazeta@gmail.com en formato Word co nome do autor/a, ou pseudónimo e un telefono ou correo electrónico de contacto
Os micropoemas terán una extensión mínima de 2 versos e máxima de 3 versos sen incluir o título e cada micropoema debe levar unha imaxe (foto, debuxo, etc.) de autoría propria, autorizada ou libre de dereitos. Cada poeta poderá presentar un máximo de UN micropoema a concurso. A organización non corrixirá erros nin admitirá substitucións dos poemas enviados.
Admitiranse obras até o día 3 de maio de 2023, ás 14:00 horas
A organización do concurso reservase o dereito a eliminar aqueles micropoemas que podan ir en contra da protección da infancia, do respeto, ou induzan ou promovan actos delictivos, denigratorios ou violentos en cualquera das súas formas.
O xurado terá en conta a orixinalidade, técnicas empregadas, calidade e contenido do poema. O xurado estará composto por 3 poetas da NPG Nova Poesía Guitirica e un coordinador/a Sen voto. O fallo do xurado será inapelable e farase público a través dos distintos soportes dixitais de Os Vilares, lareira de soños, CulturaliaGZ e da NPG Nova Poesía Guitirica nas dúas semanas posteriores ao peche do concurso.
Entre os micropoemas participantes, seleccionaránse os mellores que poderán integrar unha antoloxía, e entre eles escollerase aos gañadores co premio que consistirá no trofeo Vilariña, deseño exclusivo da artista Viki Rivadulla. Farase un acto poético público cos premiados no II Festival de Poesía Guitirica.
Polo feito de participar, os premiados autorizan a NPG Nova Poesía Guitirica e á Lareira de soños a editalos nos soportes fisicos que considere oportunos.”

Este ano ampliamos a participación ao sector escolar coa participación do IES Basanta Silva de Vilalba, o IES Díaz Castro de Guitiriz e o CEIP Lagostelle de Guitiriz, cuxas bases son:

Vilalba: presentación de Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria

O sábado 4 de marzo, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, preséntase o libro Irmás. Oito diálogos contra a desmemoria, editada por Alvarellos Editora, coa axuda económica do Concello de Vilalba, onde oito autoras actuais renden homenaxe ás mulleres silenciadas das Irmandades da Fala (1916-1936). As autoras participantes son: Eilún Del Pazo Moa, Beatriz Dourado, Cecilia Fernández Santomé, Míriam Ferradáns, Rochi Nóvoa Vázquez, Patricia Torrado Queiruga, Lupe Bao Reixa e Tamara Andrés. As Irmás reinvidicadas son: Amalia Álvarez, Olimpia Valencia, María Luz Morales, María Miramontes, Elvira Bao, Jacinta Landa, Amparo López Jean e Teruca Bouza. Esta obra nace a partir do «Proxecto Irmás», impulsado por Culturalia GZ e coordinado por Beatriz Dourado. A capa é obra de Adolfina Mesa.