“Xela Arias, tan negra por elección. 5 postais”, por Ana Romaní

Desde a Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Texto escrito e lido por Ana Romaní na presentación de Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, en Pontevedra (maio 2019) no encontro literario Teñamos a poesía en Paz. (…)
(A xeito de introdución)
Coincidimos en recitais e páxinas de publicacións; ela nacera no 62, eu tamén. Cos anos coincidimos tamén nesa posición “a-xeracional” que dalgunha maneira nos acompañou a algunhas d*s que comezamos a publicar nos últimos 80. No seu caso fortalecida cunha opción poética que se evidencia non só na voz, tamén no lugar desde o que fala.
1ª postal: TAN NEGRA POR ELECCIÓN.
Xela Arias escolle unha posición estrema para a escritura; un lugar afastado do código preponderante, unha poética que desafía os moldes estipulados mais tamén as pautas de corrección social e os seus mecanismos disciplinarios. A posición – que é unha declaración de intencións – está xa en Denuncia do equilibro e formúlase de cada vez máis nítida, depurada e esixente ata Intempériome onde irradia todo o libro; de feito toda a obra é unha declaración afirmada do lugar onde se sitúa o poema e a poeta. Esa posición é a da negritude, a do “afora”, a da expulsión. (…)”