Entrevista de Xan Carballa a Helena González Fernández en A Nosa Terra:
“(…) – A Nosa Terra (ANT): Antoloxías de Rosalía pódense facer moitas, pero aquí é clara a intención desde o título, Rosalía feminista.
– Helena González Fernández (HGF): Facer este libro foi como armar un xoguete fermoso. Foi unha aposta do editor Fran Alonso, quería algo contemporáneo, non un traballo filolóxico que xa está realizando Anxo Angueira. Un libro máis popular e deste tempo intentando conectar coa lectura que fixeron as feministas dos 80 e que foi medrando. O panorama de estudos rosalianos estaba moi receptivo a eses enfoques, nos que Rosalía saía da única lectura do nós e a nación. É de aí que xorde a antoloxía Rosalía feminista: popularizar unha Rosalía que nos acompaña no século XXI e que dá claves para cuestións do noso tempo. O título viña dado e só aceitei se podía remexer os poemas e propoñer un novo fío narrativo, que é o que fago nas miñas clases. Traballo con estudantes que entran en contacto con Rosalía un tempo moi limitado e debo manexar conceptos de teoría política e de feminismo que eles teñan a man. Propoño poemas que conecten coas grandes figuras da teoría feminista. O outro elemento que perseguín é que houbese figuras. Moitas veces lese a Rosalía desde unha ollada biográfica, que para min redúcelle potencial político, ou senón lecturas moi histórico-filolóxicas. Parecíame que en Rosalía hai moitas mulleres. E isto non é unha idea miña senón das persoas que máis saben nos estudos rosalianos. Que puidesen verse nenas, mozas e vellas, mulleres frustradas, iradas ou suicidas ou mulleres que celebran.
– ANT: Interésalle iso que denomina facer a xenealoxía das viúvas.
– HGF: Ler As viúvas dos vivos como un libro narrativo, con principio e final. De maneira que podes ver a marcha do home, a soidade da muller, a dor horríbel que a confinaba na desesperación, na saudade que non ten cura ou na loucura que a leva ao suicidio e diante da imposibilidade do suicidio (o poema das Torres de Catoira) concluír que xa que non podo morrer por el teño que facerme cargo do meu. Velaí cando xorde o concepto da viúva de vivo, non só como alguén que espera, que é a lectura habitual que facemos dela, senón de alguén que farta de esperar decide navegar. Velaí o fío con Xohana Torres. A viúva dos vivos non é unha muller vella, senón alguén con forza para a travesía, para ir a América, aínda sabendo que pode non atopar o home, e que sente a perda da Terra que deixa. É un final espectacular, moito máis interesante que o da muller que só queda esperando por moi conmovedor que resulte. (…)”