Anxo Quintela: “A información cultural debe atender ás dinámicas profundas do que acontece na sociedade”

Entrevista de Daniel Salgado a Anxo Quintela en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Por que aínda estraña que o Estado conceda un Premio Nacional a quen traballa nunha lingua cooficial distinta do castelán?
– Anxo Quintela (AQ): O raro dese estrañamento é cando se produce na propia Galiza. Para min é algo absolutamente natural traballar en galego. Pertenzo á primeira xeración de persoas que puidemos desenvolver a carreira profesional en galego. Fíxeno en diferentes medios, desde Vídeo Voz até a TVG pasando por Vieiros. Mesmo cando traballei uns meses en Citroën tamén falabamos galego na cadea de montaxe [risos]. Para min é algo normal. Pero resúltame difícil entender que, na lista de Premios Nacionais de Poesía, o único galego fose José Ángel Valente, que escribía ademais en castelán. Foi así até hai pouco, cando o gañou [Manuel] Álvarez Torneiro. E a poesía en galego hai moitos anos que ten un peso específico no conxunto das linguas peninsulares.
– SG: O Estado nega a súa propia pluralidade interna.
– AQ: Está claro. Non hai programas na Televisión Española, a música noutras linguas é dificilísima de escoitar. A efectos culturais todo o mundo vive no seu propio sistema e en Madrid non entra practicamente nada. Mesmo era máis doado antes, con Andrés Do Barro e cousas así. Desde Os Resentidos con Fai un sol de carallo… De todos os xeitos, o que me resulta máis interesante é Galiza. Ramón Villares fala da xénese da Autonomía da Galiza como da xénese dunha anomalía. Esa anomalía, di el, consiste en que se trata dunha autonomía construída por xente que non cría na autonomía, por antiautonomistas. Para min, esa anomalía atravesa toda a cultura galega e non só, tamén a xestión da cousa pública na Galiza ou os medios de comunicación públicos. É unha anomalía que fai que as peculiaridades se interpreten como anomalías e as anomalías como peculiaridades. Nesa confusión estivemos metidos 40 anos. Hai unha especie de falta de ambición, de falta de valentía, de ir máis alá…
– SG: Certo conformismo.
– AQ: Un conformismo co que existe, si, cando as potencialidades deste país son tremendas en moitísimos campos. (…)”