Antía Veres: “É un labor das tradutoras eliminar o machismo da linguaxe”

Entrevista de Irene Pin a Antía Veres en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que a motivou a dedicarse á tradución literaria ao galego?
– Antía Veres (AV): Dende a carreira empecei a entrar en contacto coa tradución literaria e paréceme a máis satisfactoria desde o punto de vista do tradutor, porque é máis creativa e require un coidado especial das palabras. Por outra banda, unha persoa que non teña compromiso coa lingua non se dedica á tradución literaria ao galego. Para min é unha ferramenta de normalización, traendo todos estes libros ao sistema literario trato de aportar o meu gran de area. A tradución, ao che permitir acceder a obras que noutras culturas e sistemas literarios levan dispoñíbeis moitos anos, recoñece a nosa lingua como válida para transmitir estes coñecementos.
– SG: Como se sitúa Unha Muller Perdida dentro da produción literaria de Willa Cather?
– AV: Ten outras obras máis famosas, como My Antonia ou One of Ours, pero A Lost Lady é tamén un libro moi recoñecido, sobre todo porque chegou xusto despois de que Cather publicase One of Ours, que a pesar de recibir o premio Pulitzer non tivo moi boa acollida. Despois publicou A Lost Lady e xa recuperou o bo ver de crítica e lectores.
– SG: Que achega a tradución ao sistema literario galego?
– AV: O sistema literario galego xa ten bastantes eivas pola situación do galego. Daquela estamos nunha situación bastante anómala, no senso de que outros sistemas teñen xa traducidos moitos clásicos desde hai moito tempo e nós non. A Lost Lady é unha obra clásica, de comezos do século XX. Mentres que outros sistemas literarios agora se están a centrar en traducir obras que son novidosas, nós temos que buscar clásicos que aínda non foron traídos aquí.
– SG: Que foi o máis complicado na tradución da obra?
– AV: Realmente pareceume bastante complicado o tema da paisaxe. É unha obra moi descritiva do entorno dos Estados Unidos. Iso resultoume moi difícil porque en galego, en xeral, hai unha falta de recursos, a pesar de que moitas institucións traballan continuamente para paliala, enchendo glosarios e corpus literarios. Aínda falta moito. A autora describía herbiñas ou animais que se callar non son tan comúns aquí na Galiza, e para atopar un equivalente foi onde máis atrancos atopei. Pero pouco a pouco, traballando con afán, ao final funo conseguindo. (…)”