Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Galiza espreguizábase após 40 anos de ditadura. Nas rúas decidíase entre ruptura e reforma. Nos escritorios dos poetas tamén. O grupo Rompente, cuxo núcleo formaban Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, axiña tomou partido. E, como de deduce do seu nome, non o fixeron pola reforma. Os nenos terríbeis da poesía galega reúnense esta sexta feira, 4 de outubro, por primeira vez en catro décadas. Será dentro do Festival Kerouac.
“Xuntámonos e foi como retomar unha conversa de hai 40 anos, como unha continuación”, explica a Sermos Galiza Romón (Vigo, 1956). Esa é exactamente o tempo que pasou entre a publicación dos Tres tristes tigres, un libro por cada un dos Rompente que axitaron as augas da literatura galega da época: galletas kokoscha non, do propio Romón; As ladillas do travesti, de Reixa, e Facer pulgarcitos tres, de Avendaño.
Autoeditadas grazas a un crédito solicitado por Antón Reixa, distribuídas a man por rúas, feiras e mercados, con megáfono e carteis en papel do que se usaba no circo, aquelas obras incorporaban ferramentas, repertorios e métodos insólitos na poesía galega da altura. Colaxes e paisaxe urbana, violencia política e humor salvaxe, experimentalismo formal e insurrección sintática. ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio!, titularon un manifesto de 1979 e escollendo unha estirpe en que tamén estaba Ferrín.
É Reixa (Vigo, 1957) quen sintetiza a actitude xeral da banda nun “punto de insolencia”. “Era un intre moi político, discutíase entre reforma e ruptura, e asumimos a ruptura na parte cultural”, di a este xornal, “se cadra cun pouco de sobreactuación, mais era o que cumpría naquela época”.
“o libro reventou / o vello camiño é o novo / o comercio do poeta é a súa gorxa / o seu corpo a fábrica / os clientes tódolos que sinten frío / cando lle dis a un poeta / ‘a túa voz fala por nós’ / alégrase / pero moito máis se alegra se é / que falades por vós mesmos”, abría o Silabario da turbina (1977), o primeiro dos dous volumes colectivos dun grupo que pasou da “Resistencia Poética” á “Comunicación Poética”.
“Tirámonos á area como gladiadores, porque era imposíbel que os altos estamentos literarios fixesen caso a tres rapaces de entre 18 e 23 anos”, fai memoria Alberto Avendaño (Vigo, 1957), que acaba de retornar á Galiza xubilado logo de 30 anos traballando nos medios en Estados Unidos. “Queriamos tomar non o poder político, aínda que tiñamos ese nesgo -cada un diferente, por certo-, senón o poder poético”, comenta.
As performances de Rompente excederon calquera expectativa. Avendaño pasaba polo aro dun hula hoop e Reixa lía con pantis negros. Julián Hernández, músico despois en Siniestro Total, axudaba. E no apartado gráfico das publicacións eran habituais Menchu Lamas e Antón Patiño. “Pero as performances xa existían, xa existira a Beat Generation, xa existira o Cabaret Voltaire”, sinala Avendaño, “e nós tiñamos unha formación literaria e unha curiosidade moi seria para a época”.
Tan seria que Reixa afirma conservar “basicamente o mesmo posicionamento estético. Non vexo Rompente contraditorio coas posturas que mantiven despois”. Tan seria que os levaba, en palabras de Manuel Romón, a okupar espazos. “Queriamos desacralizalos, levarmos a poesía á rúa, ás festas. Sacarlle as cores aos templos da cultura. Foi un tempo de celebración, e de esperanza. Percibíase a posibilidade de ultrapasar o que había. E xa ves o que veu”, expón.” (…)”