Boiro e Lugo acollen esta fin de semana #camiños, de ButacaZero

O venres 15 de novembro chega á Cachada de Boiro unha das pezas máis divertidas e sorprendentes da escena teatral galega: #camiños, de ButacaZero en coprodución co Centro Dramático Galego. Neste caso, a cita será dobre, xa que pola mañá poderán desfrutar os adolescentes de boiro, ás 11:30, e xa pola noite, ás 21 horas, están convocados á cita todos os veciños e veciñas. Trala función, a compañía cambia de provincia xa que o domingo, ás 18:30, serán os lugueses e luguesas as que poderán desfrutar da peza no Auditorio Municipal Gustavo Freire.
Quen somos os galegos e as galegas do século XXI? Como nos colocamos no mundo nós, que levamos sempre o móbil pegado á man e vivimos nun mundo globalizado? Que queda dos e das nosas devanceiras dentro da nosa sociedade? Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira son os creadores desta peza que nos leva de camiño a nós mesmos, ao que somos e ao que desexamos ser, ao que fomos un día e ao que un día, podemos chegar a ser.
Para tecer este mapa botaron man de todos os rexistros escénicos necesarios: coreografías, teatro físico, bufón, música, playback, pasarela, audiovisuais. Unha peza imbuída por un espírito millenial, que, ao igual que as redes sociais nas que adoitamos gastar o noso tempo, é un collage ecléctico que tenta explicar o noso mundo. Un aluvión escénico que pretende non deixar a ninguén indiferente. Unha festa teatral na que celebrármonos pero tamén, reflexionármonos.
Tanta festa se xuntará no Auditorio de Goiáns que estarán presentes As churrascas, lideradas por Carrodeguas, que levarán a escena “aDiosRíos_aDiosFontes”, o título do seu primeiro “hit” de música electrónica cos versos de Rosalía de Castro. Un hit que suma xa 4.000 visitas en Youtube e que veu realizado por Fran X. Rodríguez, rianxeiro que non deixa de sumar premios no eido audioviosual