Entrevista a Sindo Villamayor en La Voz de Galicia:
“Sindo Villamayor (A Estrada, 1963) presenta o xoves día 21 -MOME, 20:30 horas- o poemario Ceos de ferro, o seu primeiro volume propio despois de publicar algúns poemas nun libro que recolle os traballos gañadores do certame Manuel-Orestes Rodríguez López, no que acadou un accésit.
– La Voz de Galicia (LVG): Por que agora este poemario?
– Sindo Villamayor (SV): O poemario recolle a miña produción poética dos últimos oito anos. Eu hai anos que escribo, tamén en prensa local, e sempre oes comentarios favorables… Contrastei un pouco o que estaba escribindo con xente iniciada no tema, e tiña traza, tiña unha mínima calidade poética. O motor desencadeante para publicar foi participar nun obradoiro de creación literaria, no que pos en común o que escribes. Alí socializas o que ti escribes e as persoas que nos deron o curso animáronme a facelo.
– LVG: Como compuxo o volume?
– SV: Con moito traballo artellei un poemario, dándolle unha estrutura a toda a miña produción poética. Ao final de todo o proceso dáste de conta de que aí aparecen reflectidos o Eros e o Tánatos. É unha poesía escura, difícil, dura. Nada que ver con outra poesía; á marxe da calidade, son posicións estéticas diferentes. Eros e Tánatos, a vida e a morte. A vida tinguida de dor e de momentos difíciles. Recordo agora un verso: “O meu xardín só ten flores negras”. (…)”