Desde Fervenzas literarias:
“O xornalista e escritor Xesús Fraga foi o gañador do XXXVIII Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor pola súa obra Virtudes (e misterios).
O xurado do certame que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor, elixiu por maioría, de entre os 23 orixinais presentados ao premio, a obra de Xesús Fraga, que recrea as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta.
O epicentro narrativo da obra sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante, subliña o xurado, salientando que como contrapunto está Venezuela, a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de comunicar a nova ao escritor, felicitándoo polo éxito acadado con este traballo literario, que reflicte elementos autobiográficos na súa escrita, e que mantén, precisamente, un paralelismo coa obra Blanco Amor, quen tamén destacou por introducir características autobiográficas nalgunhas das súas obras.
Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.
O xurado, que fixo constar na acta os seus parabéns ao escritor desexándolle “moitos máis éxitos na súa faceta literaria”, estivo integrado por Luís González Tosar, como presidente; Laura Caveiro, secretaria, e Luís Menéndez Villalba, Xosé María Dobarro Paz e Eulalia Agrelo Costas, como vogais.
A entrega do galardón tivo lugar o vindeiro 30 de novembro, ás 20.30 h., nunha cea literaria, organizada pola Fundación “Eduardo Blanco Amor”, que tivo lugar no Liceo de Ourense, coincidindo esta edición co 40º cabodano do autor de A Esmorga, acto que contou coa participación de representantes institucionais e dos ámbitos social e cultural, e onde o premiado recibiu, xunto á achega económica do premio, unha escultura do artista ourensán Acisclo Manzano, realizada especialmente para este premio.”