Uxío Novoneyra (fillo): “O meu pai era labrego, por iso ten ese pouso de autenticidade”

Entrevista a Uxío Novoneyra (fillo) en O Salto Galiza:
“Cumpriuse neste mes de xaneiro o noventa aniversario do nacemento de Uxío Novoneyra. É un dos persoeiros máis relevantes das nosas letras. Todas as que lemos a súa poesía anhelamos unha pequena conversa con el para descubrir o que hai detrás. A súa figura está nitidamente reflectida na súa casa dos montes de Folgoso do Courel e lembrada polo seu fillo, quen se autodefine como “o cancerbeiro do poeta”. (…)
– O Salto Galiza (OSG): Como comezou o proceso de converter a casa natal de Uxío en museo e sede da Fundación? Cal é a importancia de estar ubicada no Courel?
– Uxío Novoneyra fillo (UNF): O meu pai quería deixar a súa casa coa súa biblioteca e o seu legado arquivístico ao pobo, alí, na súa aldea. Fixeramos o teito grazas ao gañado cos dereitos de autor. Din no Courel “un teito eficaz, unha casa gardada”. O museo fíxose na parte de arriba, onde ía a xente cando viña ver o meu pai.
Non é unha casa de poetas, porque iso non existe como tal. Agora, case é un antimuseo dende o punto de vista liberal. É un neomuseo. Henri Rivière decía que os museos tal e como estaban considerados, eran institucións do despotismo ilustrado. Con moita axuda e con xente moi especial, dende a Fundación conseguimos manter viva a casa. (…)
– OSG: Durante a longa noite de pedra, que supuña escribir en galego?
– UNF: Fixeron moi bo no uso de recursos como a metáfora (risas). Ao ter unha lingua que pertence a un país sen Estado e dentro dun Estado fascista, pois tivo que publicar obras no estranxeiro antes que aquí. O meu pai sufriu a censura moitas veces ao longo da súa vida. Era considerado un home perigoso, tanto que estaba na lista de homes a fusilar de cando o golpe de Tejero. Un vivo retrato desta época foi que membros da censura, como Camilo José Cela, lle pedían poemas para as súas revistas. Pero que non tocara o tema importante.
– OSG: E el mandáballes os poemas?
– UNF: Si. Pero eran os mesmos que lle censuraban. Foi sempre moi crítico, o que lle custou ser acosado e marxinado polo poder. Por outra banda, tamén foi respectado pola dominación contra a que loitaba, a diferenza doutros. Respectado e incluso temido, pola súa capacidade de ser digno tendo só a propia voz e o exemplo. (…)”