Eva Mejuto gaña o X Certame de Relatos de Mulleres Matilde Bares

Desde o Concello de Bueu:
Eva Mejuto resultou gañadora do X Certame de Relatos de Muller Matilde Bares coa obra titulada Matilde. O xurado, conformado por Álex Alonso, Pepa Mosteiro e Jorge García Marín, reuniuse este luns pola tarde nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres, onde decidiron elixir este relato de entre os sete presentados. Del destacaron que “está escrito cunha gran sensibilidade e que enxalza a través da súa protagonista a vida e obra de Matilde Bares ao tempo que describe unha viaxe pola vila de Bueu e a súa realidade nos anos trinta”. Así mesmo, describen que “constitúe unha historia que contén unha grande carga emocional, do renacer cada día da desolación e alcanzar a esperanza”.
A autora pontevedresa farase cunha dotación económica de 1.500 euros e a publicación do libro. Este certame ten como obxectivos fomentar a igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigas familiares e sociais e o debate arredor da violencia de xénero, e supón unha das principais liñas de actuación do goberno local en materia de igualdade.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións na vila morracense, ademais de organizar actividades culturais e grupos de teatro. Nos seus inicios, este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a persoas destacables no campo da cultura e a novas voces. (…)”