Entrevista de Daniel Salgado a Francisco Castro en Nós Diario:
“Emilio Varela é un doutor ilustrado. preocupado polo progreso social e os ideais republicanos. Ramón Gándara, un poeta inédito a quen, desde cativo, criou Varela. Igual que á súa filla Ana e a outro rapaz adoptado, Darío Rocha, despois militar alzado contra a democracia en 1936. Neste cadrado político sentimental, situado no imaxinario pazo de Vila Flavia naquel ano de Atila, sucede o núcleo da trama de Tantos anos de silencio (Galaxia, 2020), a novela coa que Francisco Castro (Vigo, 1966) quere afondar “na horríbel aldraxe que para as vítimas supón a súa ocultación” e, ao tempo, refutar discursos sobre que “non pasou nada” ou que “os dous bandos eran iguais”.
“Non é unha novela sobre a Guerra Civil. Creo que vou comezar así todas as entrevistas”, explica Castro, en plena promoción do libro, a Nós Diario, “a Guerra Civil é o marco, o escenario onde acontece a historia que conto”. E que, engade, ten un obxectivo claro: “Demostrar que a violencia, concretamente a violencia contra as mulleres, e mais concretamente a violencia contra as mulleres que pensan e son libres, é sempre a mesma”.
Os paralelismos aos que se refire o escritor e tamén director xeral da Editorial Galaxia aparecen na obra en diferentes planos temporais. Os sucesos de Vila Flavia no verán do 36 conectan coa actualidade a través da profesora Ánxela, que participa nunha excavación da Asociación pola Memoria Histórica no pazo. “E que sofre o seu propio inferno de violencia, o terrorismo machista”, di.
“O fascismo é sempre unha reacción contra a liberdade, sempre é o mesmo”, teoriza Castro, “e isto evidénciase no caso do patriarcado e na existencia, ao longo da historia, de leis concretas para reprimir a liberdade das mulleres”. Ou, acrecenta, no caso dos pobos que queren realizar un referendo de autodeterminación. “Cando alguén, colectiva ou individualmente, reivindica seguir o seu propio camiño, agroma o fascismo a dicir que non”, afirma.
A andamiaxe narrativa de Tantos anos de silencio é, porén, o terríbel triángulo amoroso que compoñen Ramón, Ana e Darío. Con certo aire melodramático e doses de intriga, empurra a novela cara á súa resolución. “O amor é un dos elementos cruciais en todos os meus libros”, considera, “que son xa 19. O amor e a liberdade, sempre estou escribindo sobre o amor e a liberdade”. Esténdese: “Ao cabo, o dereito dos pobos á liberdade ten moito que ver co amor. E a de Tantos anos de silencio é unha fermosa historia de amor. Como a República representa unha historia de amor”.
Contra algunhas opinións críticas, que se fixeron singularmente audíbeis hai algo máis dunha década, Francisco Castro non compoarte que haxa demasiada literatura galega sobre a Guerra Civil. “Tampouco creo que haxa moitas novelas negras ambientadas en Vigo, como comeza a dicirse agora”, anota, “sinxelamente creo que os escritores escribimos sobre o que representa o espírito do noso tempo”. E, para Castro, no espírito do tempo actual flota o fascismo. A empezar por Vox, formación de ultradereita “que se identifica cos vencedores do 36″.”