Felipe Senén: “Coido que a cultura galega está en mal momento… Podemos volver á situación do río Leteo”

Entrevista de Iria-Friné Rivera Vázquez a Felipe Senén en Historia de Galicia:
“(…) – Historia de Galicia (HG): 2020 é o ano do centenario da Xeración Nós. Vostede coñeceu a Ramón Otero Pedrayo. Que cuestións e arelas deixou en vostede? Cómo vían as personalidades da Xeración Nós as xeracións futuras?
– Felipe Senén (FS): Deixou algo moi importante no que recalar neste tempo confinado do coronavirus: o valor de espírito fronte a todo materialismo tinguido de supermercadeo. Trunfa o que se ama, comezando polo Nós, plural, entre o que está a marca do que somos. O Seminario de Estudos Galegos trataba diso na súa “sementeira”, a que incluso frutificou en días grises da ditadura, por exemplo a través do Laboratorio de Formas de Galiza, obra dese tándem, que deixa o seu ego pra tramar unha obra colectiva que chegue aos bazares, Díaz Pardo -Seoane… Pasado o tempo, enxergo que non se entendeu ben esa lección que debe ser permanente, a de crear unha imaxe digna dun país de seu fronte a un mundo que rebenta globalizado.
– HG: O grande selo de figuras coma Vicente Risco é o humanismo. El mesmo deixou un enorme legado as nosas artes visuais. A consciencia dunha imaxe propia foi unha delas, así como a dunha identidade visual, a modernidade das formas orixinais, a contribución ao progreso e a innovación universais que a cultura galega -a cidadanía galega- dende a súa orixinalidade pode facer. Mesmo o seu vínculo con Díaz Baliño e Ramón Cabanillas deu lugar a unha linguaxe iconográfica pangalaica, europeísta, universalista. Ve vostede hoxe posibilidades abertas no concepto estético que deixaron?
– FS: Moi de acordo, Risco foi o gran ideólogo, por iso il asumiu a persecución que lle esperaba e tivo que encuncharse dalgún xeito, manifestar cousas que non sentía…outros non entenderon iso e esmirriaron o significado dunha obra que respondían á modernidade plena, europea: a cultura, costa é de xente “a rebours” (contrapelo), “inadaptados”…. O asunto, a cuestión desa dignificación é transmitila, asumir non quedar na endogamia de intelectuais pra intelectuais, pra normalizada entre un gran público que tende e busca o esperpento, a escatoloxía… aos feísmos e outras fórmulas campantes de aculturación, de anomia (efectos da crise de identidade)… Risco estivo á altura dun Yeats irlandés ou de un Huysmans francés, dun Teixeira de Pascoaes portugués. (…)
– HG: Temos o Rexurdimento, a Xeración Nós, Sargadelos, o tecido cultural que se foi construíndo co paso dos anos. De feito leva Portas Ártabras como un centro de dinamismo artístico, histórico… Considera a cultura galega un Ave Fénix?
– FS: Non. A cultura cultivase nunha Terra ou acultúrase. Amigos dos Museos de Galicia e o seu espazo de cultura na cidade Vella da Coruña, son unha plataforma, un aula aberta, popular, pra informar formando, pra concienciar…Algo que coido fundamental nesta sociedade. Coido que a cultura, a base de todo, está en mal momento. Mesmo agora, ao superar este tempo podemos volver á situación do río Leteo, ao esquecemento….e a sepultar os nosos herdos co supermercadeo e outras fórmulas de engano. O humanismo é cultura, máis sensibilidade arredor do que facemos ou desfacemos. (…)”