A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia instan á Xunta de Galicia a concretar as medidas para o sector do libro galego solicitadas na carta-documento enviada o pasado 27 de marzo ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez e trasladadas de novo nunha xuntanza mantida o 6 de abril, convocada polo propio conselleiro, logo de recibir o documento. Na reunión por videoconferencia co conselleiro participaron, ademais das presidencias das tres entidades e doutras asociacións, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.
As medidas trasladadas polas tres asociacións do libro galego concretábanse, principalmente, na posta en marcha dun bono libro familiar, o apoio á edición cunha convocatoria específica de axudas, campañas de fomento da lectura, incremento do 50% na dotación para compra de bibliotecas, un plan de choque para despois do estado de alarma para as librarías, e a redistribución do orzamento destinado ao Xacobeo 2021 coa finalidade de destinar máis recursos á edición, á actividade das/dos escritoras/es e ás librarías, entre outras medidas.
Na xuntanza mantida o pasado día 6 de abril co conselleiro Román Rodríguez as entidades tamén incidiron nas especiais dificultades polas que pasan as pequenas editoriais e as librarías que funcionan baixo o réxime de autónomos e na situación editorial do libro educativo así como as entidades e asociacións vinculadas ao sistema literario, incluídas as escritoras e escritores.
AGE, FLG e AELG urxen pois ao Goberno galego a marcar xa un orzamento e un calendario de execución das axudas, como xa se está a facer noutros lugares, para tentar paliar esta situación de emerxencia.