Alicia Fernández: “Sorpréndeme que, malia a súa violencia intrínseca, a familia é a institución máis resistente”

Entrevista de Montse Dopico a Alicia Fernández en Praza:
“(…) – Praza (P): Mamá pelicano é tamén amor absoluto. Como se a súa fenda, a súa ferida, fose tamén o seu útero que nos acolle. Ten a fenda de Mamá pelicano ese dobre significado?
– Alicia Fernández (AF): Creo que non lle corresponde a quen escribe destripar a ave e ser oráculo do propio libro. A poesía, que se dá nesa fenda, ten tantos sentidos coma lecturas sexan quen de completala, e eu son incapaz de ver o pelicano desde fóra do peteiro.
– P: Hai pelicanos, e gaivotas, e peixes pequenos en Mamá pelicano. Por que o pelicano?
– AF: O pelicano é un símbolo do amor maternal. Hai lendas que contan como, cando non atopa comida, se abre a si mesmo co peteiro para ofrecerlle o sangue ás crías. Na cristiandade simbolizou a Paixón de Cristo.
Non lembro cando apareceu ese pelicano e, obrigada agora a repensar o proceso, sorpréndome de como esa Mamá pelicano que só quería sacar adiante as súas crías puido chegar a dar un libro. Unha non é consciente do que pode desencadear unha imaxe, no sentido literal, que un día calquera nos vén a cabeza. Non son consciente do momento no que comezou todo.
– P: Ao principio e ao final do libro a voz poética fala da angustia de entrar na casa. Polo medio hai como recordos da infancia, da familia. Cal é a importancia da familia en Mamá pelicano? Como é a infancia da voz poética?
– AF: A nai crea a familia e a familia é o sistema que dá sentido a esa figura. Da infancia da voz poética non sei máis nada ca o que puiden indagar e descubrir escribindo o libro. Todo está nos poemas e non hai nada alén deles.
– A figura do pai tamén está presente, pero doutra maneira, máis indirecta se cadra. E o pai asóciase á vergoña “herdada” da coxeira. Hai, parece, bastante violencia nesa infancia. Por que?
– AF: Toda familia reproduce esquemas violentos que se concretan en distintas dinámicas e mesmo se encarnan en certos individuos por procesos que descoñezo. O que máis me sorprende é que malia esa violencia intrínseca a familia é a institución máis resistente, nada puido acabar con ela, e mesmo parece que vaia saír agora reforzada desta crise que estamos a vivir. (…)”