“A poesía está nas cousas, así que podes ver a poesía só cando miras o mundo con ollar poético”, entrevista con Clara Vidal

Entrevista de Silvia Penas Estévez a Clara Vidal, desde Urutau:
“(…) – Urutau (U): A poesía é unha forma de ver o mundo?
– Clara Vidal (CV): Si. A poesía está nas cousas, así que podes ver a poesía só cando miras o mundo con ollar poético. Se non, a poesía continúa aí, só que non é representada en verbas nin cuestionada por ninguén. Considero que esta é a única forma de darlle explicación a cousas que levan toda a vida con nós e de súpeto descubrimos o poéticas que resultan.
– U: Cando escribes pensas nunha lectora/lector imaxinaria/o? O que escribes vese afectado por iso?
– CV: A verdade é que non. Son consciente de que o produto literario vai seguir a súa viaxe por si soa cando dea a luz, digamos. Oxalá chegue a moitas persoas que nin imaxinara! Verme afectada polo posíbel lector sería ridículo. Se teño dous lectores, estes dous lectores serán diferentes. Necesitaría escribir para cada persoa de xeito individual. A poesía non pode pensar nun único lector, mais tampouco pode pretender ser unha mensaxe única: pode ser unha mensaxe con tantas interpretacións coma lectores. Niso consiste a súa riqueza infinita e a súa liberdade de expresión contida en tan pouco. (…)
– U: O teu poema aparece como algo súpeto, que golpea e sae dunha maneira explosiva e rápida ou é un proceso máis pausado e longo?
– CV: Pois ambas cousas! Escribo o que me sae no momento sen apenas control. Ás veces levo moito tempo (días, semanas, meses, anos…, depende) rumiando. Outras non. O que si é que despois de que saia, sempre o quero ter repousando moito tempo antes de volver a el. Este proceso de depuración ás veces cambia por completo o texto. Canto máis tempo de repouso, mellor.
– U: Este libro, Linguaxes dixitais, en concreto como xurdiu? Onde ou en que dirías que ten o seu xermolo?
– CV: Coido que xorde do intento de que algo funcione por si só para o mundo. Algo feito por min, con vida propia. Hai poemas que escribín ao longo de moitos anos: dende o 2013 ao 2018. Supoño que o xermolo de todo foi a miña mirada, observando algo concreto ao redor do que orbita todo o poemario: o tacto. (…)”