Gala do Libro Galego 2020: finalistas nas categorías de Traxectoria de iniciativa cultural ou fomento da lectura, Poesía e Narrativa

A Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG), coa coordinación xeral da primeira entidade nesta edición, convocan a quinta edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2019 en Galicia. As modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, recoñecen a traxectoria de varios anos, valorándose, polo tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de revisión e posterior fallo por parte dun xurado externo.
A Gala do Libro Galego conta co apoio de CEDRO, da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Na categoría de Traxectoria de Iniciativa cultural ou fomento da lectura as/os finalistas son:
21 Días co Galego
– Club de Lectura AA.VV. das Atochas-Monte Alto
Libraría Chan da Pólvora
Poemagosto de Allariz

Na categoría de Poesía as/os finalistas son:
Feliz Idade, de Olga Novo (Kalandraka Editora)
Irmá paxaro, de Tamara Andrés (Cuarto de Inverno)
Un libre favor, de Chus Pato (Editorial Galaxia)

Na categoría de Narrativa as/os finalistas son:
Carrusel, de Berta Dávila (Editorial Galaxia)
Infamia, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco (Edicións Xerais de Galicia)
Seique (2ª ed. ampliada), de Susana Sanches Arins (Através Editora)