Xosé María Dobarro: “A Historia da literatura galega contemporánea de Carvalho Calero debería estar nos andeis de todas as casas”

Entrevista a Xosé María Dobarro na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Coma Ricardo Carvalho Calero, vostede naceu no barrio de Ferrol Vello, chegou a coñecelo na súa infancia?
– Xosé María Dobarro (XMD): Non o coñecín ata que cheguei á universidade. Nacín en 1950, no ano en que el marchou a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi, pero dalgún xeito coñecíao indirectamente. Miña nai, que era amiga da súa irmá Dolores, Lolita, foi alumna del cando preparou as oposicións de mestra nacional. Ricardo Carvalho deulle aulas na daquela academia Rapariz (hoxe o Colexio Valle-Inclán), un dos establecementos docentes nos que Ricardo Carvalho Calero impartía clases semiclandestinamente tras a guerra civil, porque como represaliado que foi non se lle permitiu exercer oficialmente como profesor durante moitos anos. Miña nai sempre falou moi ben del como mestre, cousa que eu puiden constatar tamén despois na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela. De feito, o seu recordo motivoume aínda máis a me matricular na materia de Lingüística e Literatura Galega que el impartía en terceiro curso.
– RAG: Que lle aprendeu como profesor?
– XMD: Con el aprendín moitas cousas. Nacín na casa dos meus avós e vivín moitos anos con eles. Connosco, como por desgraza segue a acontecer en moitas familias de hoxe, falaban en español, pero entre eles sempre o facían en galego. Pola profesión da miña nai, ata os seis anos vivín ademais en distintas aldeas, de modo que o meu contacto co galego foi permanente. Pero con Ricardo Carvalho Calero coñecín o galego como lingua culta e de literatura. Iso foi o máis importante que aprendín do que considero o mellor profesor que tiven na facultade. Polo meu carácter, non era o alumno máis satisfeito co desenvolvemento das aulas, así que tivo que ser realmente bo! (…)
– RAG: Que agarda deste Ano Ricardo Carvalho Calero?
– XMD: Padecín bastante nas miñas carnes a polémica da normativa ortográfica que se deu desde os anos 70 ata case o século actual e, por iso, tiña certo medo de que se reproducise a crispación daqueles tempos, pero vexo con certa alegría que non está a suceder. Pero Ricardo Carvalho Calero foi unha persoa moi presente neses debates, ocuparon boa parte da súa vida académica e galeguista, e polo tanto creo que é un tema que, naturalmente, hai que tocar, o que non vexo mal, sempre que non se converta no tema central deste ano de Letras a el dedicado. Coido que este ano debería servir ademais para que todo o mundo coñeza a Historia da literatura galega contemporánea, que non foi reeditada desde 2001. Debería estar nos andeis de todas as casas. Calquera persoa que queira achegarse ao que foi a literatura galega desde o século XIX ata a guerra civil ten que partir desta obra de Ricardo Carvalho Calero. E, por último, debería valorarse máis a súa obra como creador. El preocupouse como crítico de comentar e difundir a doutros autores e a súa quedou descoidada. Ata o día de hoxe, as aproximacións ao seu traballo literario son escasas. (…)”