Dolores Vilavedra: “En Scórpio hai un escritor moi maduro”

Entrevista a Dolores Vilavedra na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): A súa biografía persoal volve deixarse ver na súa novela cimeira, Scórpio (1987), desta volta cunha historia da xeración represaliada tras o golpe de Estado de 1936. A obra recibiu o Premio da Crítica de narrativa galega. Deulle o recoñecemento como narrador de ficción do que ata o momento non gozara?
– Dolores Vilavedra (DV): En Scórpio centrouse na guerra civil e esta foi, de feito, das primeiras novelas en galego dedicadas a ese conflito. Ten ese atractivo engadido, toca un tema moi ausente xusto nun momento en que a sociedade xa está disposta a falar del. Coido que o recoñecemento do que gozou Scórpio se viu alimentado tanto por este feito como polo prestixio intelectual do que gozaba Carballo Calero. Alén dos debates reintegracionistas nos que estaba inmerso, era unha figura senlleira. Non hai que esquecer que para todas as persoas que estudabamos Filoloxía, a súa Historia da literatura galega contemporánea era a Biblia.
– RAG: Alén da orixinalidade no seu momento do tema que aborda, a historia de Rafael Martínez Pinheiro ‘Scórpio’ chama tamén a atención pola súa estrutura polifónica, artellada a través de case corenta voces de homes e mulleres que relatan a vida do protagonista.
– DV: Si, sorpréndeme o ben que Carballo Calero resolve a historia cunha estrutura tan complexa, demostra que é un escritor moi maduro. A progresión no relato, o ritmo… Constrúe unha maquinaria, un artefacto narrativo perfectamente engraxado, funciona coma un reloxo, cada peza está no seu sitio. Tendo en conta a súa anterior novela, A xente da Barreira, poderiamos agardar quizais un produto máis clásico na súa factura formal, pero Carballo Calero sorpréndenos en Scórpio cunha novela dende o punto de vista construtivo moi sofisticada. Pódese falar ademais doutro diálogo tácito, o que establece a obra, o autor, con todas esoutras voces literarias que comezan a escribir sobre a guerra civil. Nese momento é cando o tema se canoniza e se pon de moda grazas aos Premios Xerais, con títulos como O bosque das Antas (1988) de Francisco Xosé Fernández Naval ou Agosto do 36 (1991) de Xosé Fernández Ferreiro.
– RAG: Que pegada deixou Carballo Calero nas letras posteriores como novelista?
– DV: Coido que a súa pegada quedou limitada por distintas razóns. Como xa dixen, creo que non se reivindicou moito como creador literario, se se reivindicase como narrador como si fixo como poeta sería outra cousa, pero el mesmo non puxo o foco demasiado nesa parte da súa obra. Tamén é certo que Scórpio chegou tarde, porque pouco despois da súa publicación, en 1990, morreu. Quizais o percorrido desta obra tamén se viu afectado porque os seus modelos de muller non encaixan ben coa sensibilidade actual. Dito isto, é unha mágoa que a traxectoria como narrador de Carballo Calero non puidese continuar, coido que se vivise máis tería escrito grandes novelas.”