Diana Varela Puñal: “A nosa cultura é o noso estandarte”

Entrevista a Diana Varela Puñal en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comecemos cunha idea forte. Que é para vostede a literatura?
– Diana Varela Puñal (DVP): No meu caso, escribir é a parte final dun proceso que pasa, primeiro pola observación e máis tarde pola reflexión, para ás veces cristalizar na escrita. Non é nada premeditado, nin moito menos que olle a realidade que me rodea para “aproveitala” como un recurso literario. Nin sequera me gusta demasiado tomar notas de sucesos, ou intres que me chaman a atención. Se verdadeiramente “me tocan”, permanecen en min palpitando para sempre. Nunca temín esquecer eses pequenos lampos, porque se os esquezo, supoño que non eran o suficientemente importantes como para ser a semente de algo, que sinta necesario escribir. Iso é como eu definiría a literatura. Aquilo que cando se le ou se escribe, un sinte que lle era necesario. A ollada de quen coa súa escrita é capaz de arroxar luz sobre a realidade, sen falta de describila. Pero a arte ten distintas “frecuencias” e cada quen conecta cunha distinta. De modo que, se ben isto é valido para min, pode non selo para outra persoa.
Distinto é falar de métodos de traballo. Eu, cando xa teño un libro en proceso, entón si apunto detalles, episodios, versos. Pero son dúas etapas diferentes. Digamos que o tempo de fermentación é algo que non manipulo, nin pretendo manipular racionalmente. A posterior elaboración do texto, non digamos a corrección, si a controlo con rigor.
Diría, por tanto, que definiría a literatura como o froito do pensamento abstracto, cando o vivido está tan interiorizado que xa nin a penas se pode rastrear a súa orixe, a anécdota da que xurdiu. Para posteriormente ser o resultado dun rigoroso, cabal e responsable exercicio de corrección. A sucesión de enxeños, información acumulada para xuntar páxinas, ou achados literarios, non son o que eu, por volver ó fío da pregunta formulada, cualificaría como literatura. Pero insisto en que son “frecuencias” e cada quen ten a súa propia coa que conecta. A poesía, a música, a pintura, a literatura que a min me fai tremer, é a que me transporta máis alá da realidade “vivencial” ou concreta, a que me arrastra ata augas profundas sen falta de artificios. (…)
– PG: Escribe principalmente poesía, mais ten textos narrativos e teatrais. Hai en cada eido unha autora distinta ou enfoca o proceso creativo da mesma forma?
– DVP: O método de traballo é completamente diferente en cada xénero. Cando escribo poesía non busco nada, nin pretendo recuperar tampouco nada. Tan só de repente sinto a necesidade de expresarme e fágoo, case sempre cuns cantos versos en aparencia inconexos e apresurados, escritos a man. Isto sucédeme con frecuencia cando xa case estou durmida, o que supoño tamén explica a presa coa que os escribo, chea de sono e ás atoutiñadas… Ó cabo do tempo volvo sobre eses textos manuscritos e vounos “pulindo”. Algo parecido fago coa novela e co teatro, case nunca parto dunha historia preconcibida. Comezo escribindo “retallos” e nun momento determinado noto como se van integrando, a base de traballo, de pensar moito neles, de moitísima corrección e de darlle o tempo necesario para que asenten.
– PG: Cal é o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega (Laiovento, 2019)?
– DVP: Son avogada e exerzo a miña profesión en galego, tanto na redacción de todo tipo de escritos, na interactuación co funcionariado, así como na celebración dos xuízos. Esta decisión que é, por outra banda, de elemental coherencia, tenme ocasionado algún que outro incidente. Comecei a traballar con apenas vintedous anos, antes de rematar a carreira, e a miña condición de muller nova e galego falante era unha auténtica bomba de reloxería nun sector historicamente conservador -cómpre dicir que con valiosas excepcións-, como é o da Administración de Xustiza. Nunha ocasión, cando cheguei á casa, cansa e abatida por non sei que cousa me pasara por este tema, comecei a facer unha listaxe con todas as anécdotas que me tiñan sucedido por falar, traballar e vivir en galego. Esa listaxe foi o xerme de Diario sen datas dunha aborixe galega, que en realidade xa comezara na miña adolescencia, cando chegamos desde Corme á Coruña.
A partir de aí, desde o colexio, o instituto, a facultade e na miña vida diaria -coido que non só polo idioma, senón tamén polo acento non neutral co que falo-, lembro incidentes relacionados con isto. Algún dos relatos ou temas funos dando a coñecer, ou cando menos tratándoos, no desaparecido xornal Galicia Hoxe, onde colaborei facendo primeiro unha pequena columna e logo a contraportada dos domingos. Pero incluso o concepto de “aborixe” era algo no que levaba traballando (e sigo) desde que fun consciente da miña condición de muller galega e galegofalante con acento non neutral. E diso, por sorte ou por desgraza para min, fun consciente sendo practicamente unha mociña. (…)”