Desde Nós Diario:
“Emigrar non significa esquecer. Susana González Lago, nada en Ponteareas e criada en Salceda de Caselas, non esqueceu desde Suíza as súas raíces. Hai uns anos descubriu a poesía galega e iniciou a bitácora en internet Galemán, na que publica traducións ao galego de autoras como Tamara Andrés, Emma Pedreira ou Antía Otero. A experiencia nace do desexo de crear un vínculo poético galego-alemán e poder ter intercambios interesantes e construtivos. Ela mesma realiza moitas das fotografías que ilustran o seu blogue ou escolle outras de autoras significativas.
– Nós Diario (ND): Como chega a Suíza e ao alemán?
– Susana González Lago (SGL): Nacín e crieime na Galiza. Emigrei nos anos oitenta, sendo adolescente, xunto con miña nai e miña irmá. Meu pai levaba oito anos de temporeiro en Suíza e despois dese período concedéronlle o permiso para emigrar tamén nós. Non podendo mellorar a súa situación financeira na Galiza, decidiron que para estar mal, polo menos que fose estando xuntos. Aquí comecei a escola nunha clase de integración lingüística e cultural para estranxeiros. Aprendín alemán e francés. Despois incorporeime a unha clase regular que me acolleu con moito agarimo e axudoume moito. É a historia da maioría das que emigramos sendo nenas.
– ND: En que momento comeza o seu interese pola literatura galega en xeral e pola nosa poesía en particular?
– SGL: Hai uns anos un amigo que retornou a Galiza contactoume. Escribíame nun fermosísimo galego normativo que espertou en min moita curiosidade. Deime conta de que falaba mellor unha lingua allea que a miña propia e sentín vergoña. Compartíamos literatura e poesía. Esta correspondencia impulsoume a mellorar o galego e a consumir literatura galega.
– ND: Cal é a razón de abrir unha bitácora en internet con traducións de poemas galegos?
– SGL: A poesía pasou a ser parte da miña vida e decidín anotarme a un curso de escrita online, no cal podo afondar o galego, a literatura e a poesía. Comecei a traducir por curiosidade ao ver os versos escritos en alemán e saber como soan. Traducir reláxame enormemente e converteuse nun pasatempo. Publico o que fago co desexo de compartir experiencias con xente interesada polas linguas e a poesía. (…)”