Eduard Velasco: “Podemos escoller un libro en galego para divertirnos ou para levalo á praia como podemos ir ao bar da esquina comer uns petiscos e rir cos amigos”

Entrevista a Eduard Velasco en Palabra de Gatsby:
“(…) – Palabra de Gatsby (PG): Comecemos cunha idea forte. Que significa a literatura para vostede?
– Eduard Velasco (EV): Como lector, unha das actividades que me fan crer que investín ben o tempo, e sempre teño a obsesión de que o perdín miserablemente. Ler, chegar a ser un lector competente, é a actividade literaria que me parece, con diferenza, máis difícil e que require máis dedicación, unha dedicación para a que arestora non teño vagar. Eu, ademais, leo moi lento porque son un neurótico: necesito resolver todo o vocabulario, subliñar, glosar, anotar, mirar mapas… e ao cabo quedo coa sensación de que non entendín nada. No que fai á escrita, e lonxe de idealizacións románticas, despois dos intentos que fixen non podo dicir que a literatura me reconcilie con nada nin me conecte con nada nin me sexa necesaria para nada. Éme un entretemento e pásoo moi ben, si, pero é que a min me entretén mesmo fregar os cacharros. (…)
– PG: Como definiría o seu proceso creativo? É diferente segundo o xénero a traballar?
– EV: Creo que na prosa son moito máis libre, máis apaixonado, divírtome moito máis. No caso da poesía, o proceso é máis técnico, todo vai milimetrado (para algo se inventaron os teares), e procurei ir quitando paixón para que os textos non quedasen afectados e a propia vida non se metese demasiado na ficción dos poemas. Xa contei que Os días felices de Benvido Seixas é anterior a Ruído de trens e a O filósofo coxo, e non entendo como escribín dous poemarios tan serios despois dunha novela tan divertida. En todo caso, móvome no terreo das suposicións, porque o pouco que escribín non dá para facer medias. (…)
– PG: Recentemente publicou Palabras de Opoton O Vello, de Avel·lí Artís-Gener, obra que traduciu do catalán. Confesouse moitas veces namorado desta obra. Cal é o elemento que fai desta obra algo tan interesante?
– EV: Esa tradución é máis importante de todo o que fixen ata agora. É así porque é unha grandísima obra literaria, que está impecablemente escrita, cunha riqueza lingüística excepcional, cun argumento sorprendente, con moita tenrura cara ao personaxe protagonista e, o máis importante, cun sentido do humor refinadísimo, á altura do traballo inxente que Tísner, como era coñecido o autor, tivo que desenvolver para poder construír as Palabras de Opoton o Vello. Só con iso queda abondo xustificado traducila, editala, mercala e lela. Pero, ademais, ten unha lectura anticolonial, de defensa da liberdade dos pobos e de denuncia da opresión, que é o que lle engade o interese sociopolítico ao estritamente literario. Unha lectura que infelizmente nunca perdeu vixencia. Esta novela é un exemplo magnífico de que as ideas, na literatura, teñen que estar sempre supeditadas á forma e á linguaxe literaria. Non hai que esquecer, para entendela mellor, en que época e en que circunstancias foi escrita e editada, que é o que intento reconstruír eu no estudo introdutorio que preparei para a edición de Xerais, no que propoño que se lea coma unha testemuña da colaboración entre os exilios catalán e galego en México. (…)”