XIX Certame Literario de Relatos de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“(Reanudados os prazos, trala finalización do Estado de Alarma, publicamos novamente as bases cos puntos 3 e 6 modificados e correspondentes á ampliación dos prazos de entrega dos orixinais e á data na que o xurado emitirá o seu veredicto).

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. Reanúdase o prazo de admisión dos orixinais e amplíase o prazo de presentación ata o 30 de outubro de 2020, data na que rematará o prazo de entrega.
O prazo para a presentación dos orixinais terá comezo desde o día da publicación do extracto desta resolución no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo:
Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200, Noia (A Coruña)
5. Establécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de cinco días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, un traballador/a municipal que actuará como secretario/a sen voto e tres vogais, nomeados/as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto na segunda quincena do mes de decembro de 2020.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. Establécese que a Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada renunciando os autores/as aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita editora.
9. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.”