José Carou Rey gaña o XVIII Premio Antón Avilés de Taramancos

Desde Fervenzas Literarias:
“José Carou Rey vén de gañar, co seu libro Desvelando a Ademar Escambia, o XVIII Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos que convoca o Concello de Noia e organiza a revista ‘Casa da Gramática’ do IES Virxe do Mar.
O xurado desta edición estivo formado por Xerardo AgraFoxo, Xavier Castro, Antonio Piñeiro e Baldo Ramos, actuando como presidente o alcalde de Noia Santiago Freire e como secretaria Oliva Fraga, responsable da Casa da Cultura de Noia. O xurado declarou o traballo de Carou Rey gañador por maioría.
Como voceiro do xurado, Antonio Piñeiro referiuse á obra gañadora como dunha “pescuda ou exploración sobre a vida de Ademar Escambia, un actor de cine fantástico que, por causas que no libro se desvelan, suicida, feito que leva a súa dona e ao seu fillo visitar a cidade de Sitges cando se celebra o Festival de Cine Fantástico, para pescudar na vida de Ademar. O libro conta cunha bonita carga de erudición, cunha bonita carga de afección cinéfila, e cunha linguaxe moi dotada, esteticamente moi apreciable, gramaticalmente moi correcta e con moito oficio”.
Á parte da cantidade económica estipulada nas bases, Desvelando a Ademar Escambia será publicado nas vindeiras datas pola editorial Toxosoutos e o gañador recibirá unha escultura do artista noiés Alfonso Costa. (…).”

Decisión do xurado do Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

O xurado do Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, premio convocado polo Concello de Noia e a revista cultural “Casa da Gramática”.
O xurado do premio constituído por:
D. José Pérez Martínez alcalde do Concello de Noia, presidente.
Dona Mariña Pérez Rei, profesora e escritora.
Dona M Concepción Allut VIdal, traballadora do Concello de Noia
D. Agustín Agra Barreiro, profesor e escritor
D. Xosé Lastra Murais, profesor e escritor
D. Xavier Castro Rodriguez, profesor e codirector da revista Casa da Gramática do IES “Virxe do Mar” de Noia-
Reuníronse o 19 de maio e rematadas as deliberacións e por UNANIMIDADE, o xurado decidiu deixar deserto o premio deste Certame correspondente á edición décimosexta.”

Bases do XVI Certame de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

1. Poderán concorrer ao Certame de Relato de Aventuras todas as persoas, maiores de idade, de calquera nacionalidade, cun único traballo en galego de temática libre que sexa inédito, encadrado no relato de aventuras.
2. A obra, cunha extensión entre 70.000 e 100.000 caracteres, presentarase por cuadriplicado en exemplares separados, mecanografados por unha soa cara, debidamente grampados, cosidos ou encadernados sen firma e cun lema e utilizando o sistema de plica.
3. O prazo de admisión dos orixinais rematará o día 7 de abril de 2017.
4. Os traballos serán remitidos ao enderezo: Concello de Noia. Rúa Rosalía de Castro, 2 – 15200, Noia (A Coruña)
5. Estabelécese un único premio de 3.000 euros, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa, e a publicación da obra gañadora por parte do Excmo. Concello de Noia. O importe do premio estará suxeito á lexislación fiscal vixente. O premio está consignado na partida 334.48003, atopándose retido o crédito necesario.
A entrega do premio realizarase mediante transferencia bancaria ao gañador/-a, que deberá achegar ao Concello de Noia a certificación emitida polo banco correspondente á súa conta. Unha vez presentada a certificación, o Concello disporá de dez días hábiles para a realización efectiva do pagamento.
6. O xurado terá todas as facultades para a decisión do premio, que poderá quedar deserto, para interpretar as bases e a súa decisión será discrecional e baseada en criterios de valoración literarios e lingüísticos. Estará composto polo alcalde do Concello de Noia, ou persoa na que delegue, que actuará como presidente, un membro da revista de creación literaria e cultural Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia, un traballador/a municipal que actuará como secretario/-a sen voto e tres vogais, nomeados/-as entre persoas de recoñecido prestixio no eido das letras galegas. O xurado emitirá publicamente o seu veredicto o día 19 de maio de 2017.
7. Os traballos non premiados serán devoltos, previa solicitude, e os restantes serán destruídos transcorridos vinte días desde a data do veredicto do Certame. Non poderán participar neste certame os autores premiados en edicións anteriores.
8. Estabelécese que a Editorial Toxosoutos publicará a obra galardoada renunciando os autores/as aos dereitos da primeira edición, tanto en galego como noutros idiomas de posible publicación por parte da devandita editora.
9. O feito de concorrer ao Certame implica a aceptación destas bases.”

Noia: entrega do XV Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

OAntón Avilés de Taramancos sábado 5 de novembro, ás 12:30 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello de Noia terá lugar o acto de entrega do XV Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos. O traballo premiado este ano foi Tom, Huck e o misterio da trabe de ouro de Alex Bayorti.
Este premio está dotado con 3.000 €, ademais dunha escultura conmemorativa do artista noiés Alfonso Costa e da publicación da obra gañadora. O Certame está organizado polo Concello de Noia en colaboración coa revista Casa da Gramática do IES Virxe do Mar de Noia.

Ana María Galego gaña o Certame literario de relato de aventuras Antón Avilés de Taramancos de 2013

“A escritora Ana María Galego Gen, coa obra Un bo día para pasear, Scott, foi a nova gañadora do XII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos, coorganizado polo Concello de Noia e a revista literaria cultural Casa da Gramática.
A decisión do xurado fíxose pública o día 24 de maio.
Dito premio está dotado con 3000 euros, un trofeo conmemorativo deseñado por Alfonso Costa e a publicación do traballo.”