Entrevista a Xosé Luna en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): De novo o seu nome ligado ao Premio de Poesía Avelina Valladares. Como senta?
– Xosé Luna (XL): No meu pobo e por segunda vez, é unha satisfacción, unha honra moi grande gañar o premio literario que leva o nome dunha muller adiantada ao seu tempo.
– FV: Faino cun poemario intimista, elaborado dous anos atrás. Que foi o que o levou a mirar cara dentro?
– XL: Ás veces na vida cómpre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. O resultado desa reflexión é O tempo entre as mans. (…)
– FV: É biógrafo de Avelina e Marcial Valladares e merecedor do premio que leva o nome da poetisa de Vilancosta por partida dobre. Como foi esa muller para moitos descoñecida?
– XL: Avelina Valladares contribuiu coa súa obra poética en galego a construir o noso país. Ela foi unha muller loitadora, unha das protagonistas do noso rexurdimento.
– FV: A poesía, conseguiu librarse desa sombra que a debuxa ás veces como a irmá pequena da narrativa?
– XL: A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra. E nese senso sei que vivo nun pobo onde a xente consume poesía, le poesía, ama a poesía e, polo tanto, non creo que sexa a irmá pequena. (…)
– FV: Canto hai de Xosé Luna Sanmartín nestes poemas? É unha biografía en verso?
– XL: Hai moitísimo de Xosé Luna aí. Hai todo. Pero non se pode considerar unha autobiografía porque en O tempo entre as mans hai outras moitas vidas reflectidas que, dun xeito ou doutro, marcaron a miña existencia. (…)”