Arquivos da etiqueta: O tempo entre as mans
A Estrada: presentación de O tempo entre as mans, de Xosé Luna
Xosé Luna: “A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra”
Entrevista a Xosé Luna en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): De novo o seu nome ligado ao Premio de Poesía Avelina Valladares. Como senta?
– Xosé Luna (XL): No meu pobo e por segunda vez, é unha satisfacción, unha honra moi grande gañar o premio literario que leva o nome dunha muller adiantada ao seu tempo.
– FV: Faino cun poemario intimista, elaborado dous anos atrás. Que foi o que o levou a mirar cara dentro?
– XL: Ás veces na vida cómpre deterse e reflexionar, cavilar sobre o camiño andado e o camiño que estamos a percorrer. O resultado desa reflexión é O tempo entre as mans. (…)
– FV: É biógrafo de Avelina e Marcial Valladares e merecedor do premio que leva o nome da poetisa de Vilancosta por partida dobre. Como foi esa muller para moitos descoñecida?
– XL: Avelina Valladares contribuiu coa súa obra poética en galego a construir o noso país. Ela foi unha muller loitadora, unha das protagonistas do noso rexurdimento.
– FV: A poesía, conseguiu librarse desa sombra que a debuxa ás veces como a irmá pequena da narrativa?
– XL: A poesía é, en termos matemáticos, o valor absoluto da palabra. E nese senso sei que vivo nun pobo onde a xente consume poesía, le poesía, ama a poesía e, polo tanto, non creo que sexa a irmá pequena. (…)
– FV: Canto hai de Xosé Luna Sanmartín nestes poemas? É unha biografía en verso?
– XL: Hai moitísimo de Xosé Luna aí. Hai todo. Pero non se pode considerar unha autobiografía porque en O tempo entre as mans hai outras moitas vidas reflectidas que, dun xeito ou doutro, marcaron a miña existencia. (…)”
Xosé Luna gaña o Premio Avelina Valladares 2020
Desde A Estrada na rede:
“Xosé Luna vén de ser escollido como gañador do XXIV Premio de Poesía Avelina Valladares da Estrada.
O xurado, unha vez lidos todos os orixinais presentados, acabou seleccionando, por maioría de votos, a obra O tempo entre as mans, de Xosé Luna. O xurado do certame destacou que «se trata dun poemario que foi premiado pola súa coherencia, o emprego dun léxico rico, variado e moi ben escollido. Recupera palabras pouco habituais, seleccionadas pola súa sonoridade e connotacións». Así mesmo, a acta subliña tamén que o orixinal de Xosé Luna «fai referencia a diferentes lugares da contorna estradense e dos territorios máis cercanos».
Moitos dos seus poemas teñen unha forte carga emotiva e sentimental, dedicados a figuras tan achegadas como á nai ou a pequenos movementos que «marcan fitos importantes na vida da voz poética», conclúe.”