Diana Varela Puñal gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con A conxura

Desde Nós Diario:
“A novelista, poeta e editora Diana Varela Puñal resultou a gañadora da quinta edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta para nenos e adolescentes pola obra A conxura.
A novela impúxose a un total de 15 orixinais que foron avaliados nesta ocasión por un xurado formado polos membros do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, Rosalía Morlán, Juan Andrés Fernández e o crítico Armando Requeixo.
A entrega do premio terá lugar o 3 de novembro, data na que cada ano a fundación que leva o nome do autor de Gres celebra o día de Neira Vilas e que nesta ocasión celebrarase no auditorio de Vila de Cruces.
A obra premiada constrúe un universo narrativo que se move axilmente entre o imaxinativo e o fantástico, habitado por personaxes hipnóticas e fascinantes, con descricións luminosas e unha estrutura feita a base de anacos narrativos que, a pesar da súa certa autonomía, logran fiar con solvencia o inicio e o final, explica a fundación.
A trama resólvese, ademais, dunha forma maxistral, unindo aquí aos variados recursos literarios empregados, outros procedentes dos campos da música ou do cinema.”