Entrevista a Xosé Ricardo Losada en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Vostede xa se achegara á biografía e obra de Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia, 2018). Que o leva agora a tratalo desde a ficción?
– Xosé Ricardo Losada (XRL): Foi fundamentalmente a raíz de escribir a biografía, que ten as súas exixencias, sobre todo a nivel de rigor. Había unha parte, os tres últimos meses da vida de Manuel Antonio, que sempre me foran un pouco enigmáticos en relación a como se relacionara coa nai.
Esa foi a idea inicial, na biografía non tiña datos suficientes para apoiar unha hipótese e pensei que a ficción me podería permitir especular un pouco máis e dar unha visión do que eu consideraba que poderían ser eses meses. Sempre coa convicción de que non intentaba escribir o que pasou, porque iso sería imposíbel, senón reflexionar sobre o vínculo entre unha nai e un fillo nunhas circunstancias moi difíciles, pois desde moitas perspectivas estaban bastante afastados.
En concreto, hai uns versos de Viladomar [1928], o último libro que escribe Manuel Antonio, que sempre me chamaron moito a atención: “Alá no mar sen fin / eu estou axionllado tamén”. Esas palabras conflúen nese enigma que expresa o título: por un lado o “rosario” da nai, seguindo o catolicismo, e, polo outro, a “buguina”. Reflexionar sobre ese contraste é o que me apetecía.
– ND: Apuntan eses versos precisamente ao que sería o conflito relixioso que se volve central na novela, non?
– XRL: Si, o núcleo da novela está enfocado fundamentalmente a dúas cousas: por unha banda, ese conflito relixioso, no que hai unha parte máis ficcionalizada -a nai case o emprega como unha especie de chantaxe emocional-, e pola outra, a vocación poética de Manuel Antonio, que ela, por mor das circunstancias da época, nunca entendeu e sempre intentou contrarrestar. Neses últimos momentos, aparece a necesidade que el tiña de explicarlle á nai a súa vocación poética. Esas son as dúas liñas que exploro. (…)
– ND: E como é esta psicoloxía de Manuel Antonio?
– XRL: É unha pregunta difícil de contestar. Eu na biografía penso que racho algúns moldes que había sobre Manuel Antonio, desde a miña interpretación, para intentar contrastala con outras. Por resumir moito, creo que era froito dun proteccionismo excesivo da nai, aínda que pode parecer o contrario, desde moi neno, que se foi prolongando. Ten así unha psicoloxía claramente inmadura.
Deixa o eido do familiar moi cedo e vaise a outro totalmente distinto. Neses ámbitos pasa a estar un pouco na sombra e nel hai unha personalidade explosiva e moi irascíbel, que para min é algo fascinante, porque precisamente a partir do manifesto “Máis alá” decátase diso e entra nun proceso de madurez que é a parte máis apetecíbel de Manuel Antonio, desde o punto de vista psicolóxico.
Dáse conta de que era demasiado provocador, de que non tiña nada que ofrecer até aquel momento e ponse a escribir dunha forma obsesiva ese libro fantástico que é De catro a catro. Constrúe así unha das aventuras máis extraordinarias da literatura galega desde a perspectiva psicolóxica e literaria.
– ND: Estilisticamente, como se materializa todo isto?
– XRL: A novela vai alternando capítulos en primeira persoa: nuns fala a nai e noutros Manuel Antonio. É unha novela curta, de aproximadamente 130 páxinas nas que se van contrastando as dúas visións que teñen o un do outro como da propia vida, da morte e dos diferentes problemas que se expoñen.
E, sobre todo, as olladas de cada un no conflito que expresa a novela de se finalmente Manuel Antonio aceptará ou non recibir a extrema unción, un dos fíos narrativos que propón a obra. (…)”