O escritor X. Ricardo Losada gaña o Torrente Ballester da Deputación da Coruña cunha obra sobre a relación do poeta Manuel Antonio coa súa nai

Desde a Deputación da Coruña:
O rosario e a buguina de X. Ricardo Losada Vicente foi a obra escollida polo xurado como gañadora do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega composto polos gañadores da edición anterior Álex Alonso e Antón Riveiro Coello, a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Inma Otero e Beatriz Maceda e presidido polo deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de servizo de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Fernández Albalat. como secretaria. O premio está valorado en 6.500 € máis a publicación da obra gañadora.
O xurado destacou a potencia da historia que narra os últimos meses da vida de Manuel Antonio e o conflito suscitado coa súa nai na casa de Rianxo por motivos relixiosos e, de maneira especial, polo xeito de se enfrontar á morte próxima. “A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada”, destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar.
X. Ricardo Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. “Sempre tiveran unha relación moi tirante, con amor, si, mais tamén con enfrontamento, e neste caso o conflito relixioso acentúase de maneira especial pola vontade dela de que o poeta reciba a extrema unción e a negativa del a aceptala”, explica o autor dunha novela que convida á reflexión sobre a vida, a liberdade e a morte.
Con anterioridade, o escritor asinou tamén unha obra, neste caso de ensaio e investigación, sobre a figura de Manuel Antonio que agora ficciona na novela gañadora. (…)”