Entrevista de Ana Abelenda a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Defende unha democracia afectiva [en Zona a Defender]. Que poder social e político ten o afectivo?
– Manuel Rivas (MR): O afectivo é o máis efectivo, aínda que o efectivo parece que é o que funciona como unha máquina. Pero, se nos movemos no afectivo, hai un respecto, un compartir. Non é un falso espellismo. Vémolo no libro Por que fracasan os países?, de Daron Acemoglu e James Robinson, que compara sociedades e ve por que unhas quedan no atraso. Falan de sociedades nas que predomina o círculo virtuoso e doutras de círculo vicioso. As primeiras son inclusivas. O exemplo sería a danesa, onde só unha parte menor da poboación é rica por herdanza. Hai fluidez social.
– LVG: Lanza unha pregunta directa: «Cando se fodeu o xornalismo?».
– MR: A maneira en que fala unha sociedade di como está, e o que vén. Hoxe a máxima prioridade é o cultivo ecolóxico das verdades. A mentira detéctase polo fume que bota. Podes detectar se alguén está mentindo polo tipo de fume que bota pola cabeza… O que temos que facer no xornalismo non é preguntar se chove ou non chove, senón saír fóra e ver se te mollas. O xornalismo é como saber facer os propios zapatos para andar, iso dicía Tolstói do escritor. Hai que coller desvíos, porque semella que todos imos pola mesma autoestrada. Hai que saber despistarse…
– LVG: Que palabra estamos a usar hoxe peor?
– MR: -Hai que preocuparse cando unha sociedade usa moito palabras grandilocuentes: patria, bandeira, inimigo… Pero as palabras son moi diferentes segundo o ton. As palabras queren dicir, pero ás veces están tan intimidadas… Os mellores momentos das palabras son cando unhas non mandan máis que outras, cando non discriminan bocas, cando están a gusto. Que envolves ti nunha bandeira? Que é ser patriota? Eu non concibo alguén que se diga patriota e descoñeza que árbores ten no seu país, que lingua fala. (…)”