Antón Riveiro Coello: “Baixo as bombas, amais da violencia, agroma a humanidade de moita xente comprometida”

Entrevista de Montse Dopico a Antón Riveiro Coello en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches varios libros con guerras de fondo. Por que?
– Antón Riveiro Coello (ARC): Si. A intención é que novelas como As rulas de Bakunin, Laura no deserto e mesmo un libro de relatos que estou a escribir, se toquen dalgún xeito con O paraíso dos inocentes e aspiren a forma parte dun ciclo cun pano de fondo e unha temática similar. Talvez esa teima se sitúe no meu gusto por colocar os personaxes en situacións límite que acontecen en momentos clave da historia. Non hai en min ningunha resistencia a tratar esas experiencias extremas que ás veces perturban, pero que nos obrigan a repensar radicalmente as nosas vidas, e espero que tamén as de quen nos le.
– P: Como foi o proceso de creación desta? Algún motivo especial para escoller o conflito sirio? (Alén da actualidade, presenza mediática…)
– ARC: Non adoito someterme aos criterios temáticos de actualidade, pero tamén é verdade que ás veces non é doado subtraerse a eles. O punto de partida xurdiu tras pasar polo aeroporto de Zaventem en Bruxelas pouco antes de que estoupase nun dos atentados xihadistas. Desa conmoción xurdiu a idea primeira de tratar o tema do terrorismo, ese mal abstracto que converteu o mundo nun lugar inseguro e vulnerable. Despois viñeron as conexións coa guerra de Siria e foi cando o proceso se volveu máis complexo para min porque foi como entrar nun territorio totalmente descoñecido.
– P: O libro está dedicado, entre outras persoas, a “Diana e Hussam”, que lle “emprestaron” a súa memoria. Son testemuñas da guerra? Contactaches con máis xente que a viviu?
– ARC: Si, contactei con algunhas testemuñas e de aí, desas conversas durísimas, foi de onde xurdiu un compromiso, digamos de xustiza restitutoria, para contar as súas traxedias. Quen máis me inspiraron foron precisamente Diana e Hussam, que si son vítimas da guerra e hoxe están en Holanda. De feito, toda a fuxida de Hussam está na base para a creación do personaxe de Isam. Esa viaxe terrible que tivo que sufrir dende Siria até chegar a Europa é a mesma que segue Isam e que tamén trazou o mapa da miña imaxinación.
Como curiosidade, dicir que cando Hussam me contaba o seu itinerario, a súa muller estaba a escoitalo por vez primeira. Fora tan duro que, nunca, nin cando xa ela e os fillos se reuniron con el nun avión dende o Líbano, Hussam tivo o valor suficiente para contárllelo. Non quería nin que se imaxinasen polo que tivera que pasar para chegar a Holanda. Traballar sobre a memoria doutras persoas é algo que me fascina e, dalgún xeito, dáme certa seguridade porque non camiño ás cegas. Toda esa memoria é coma unha materia viva que vas moldeando até acadar un retrato que é resultado do emprestado, pero tamén da túa conciencia e, sobre todo, da túa imaxinación.
– P: Amira, unha das protagonistas, é unha xornalista-activista que non ten moita esperanza de que o seu traballo sirva para que Occidente esperte. Mais o libro fala de esperanza, e de procura da liberdade, desde o primeiro capítulo. Era a túa intención, que o lector/a quede con esa idea?
– ARC: A novela, como todas as guerras, ten partes duras e dolorosas. Eu quero ser honesto con quen me le. Expresar esa dureza coido que vai na procura dun chisco de verdade. E parte desa dureza acolle tamén a decepción de Amira, que arrisca a vida para lle abrir os ollos ao mundo dende dentro da guerra, sen ver máis retorno ao seu activismo que indiferenza e abandono por parte da comunidade internacional.
Con todo, nos máis dos personaxes latexa a esperanza, encarnada sobre todo na solidariedade e no compromiso das persoas para seguir loitando pola liberdade. Baixo as bombas, amais da violencia, tamén agroma a humanidade de moita xente comprometida. No fondo, a novela é un canto antibelicista, comprometido coas vítimas e coa dignidade de moitas persoas que representan o mellor da sociedade. Estas son algunhas das ideas que están por tras do texto. (…)”