A Academia inaugura a Primavera das Letras de Xela Arias no colexio vigués onde estudou a protagonista das Letras Galegas 2021

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega celebrou no CEIP Sárdoma-Moledo (Vigo) a presentación da Primavera das Letras de Xela Arias da man da súa familia e da comunidade educativa do colexio onde a autora estudou a partir dos sete anos. O proxecto dixital fornecerá os nenos e nenas de diversos recursos lúdicos e didácticos, descargables e interactivos, para achegalos á figura da escritora, editora e tradutora á que a institución dedica as Letras Galegas 2021. Coa posta en marcha desta páxina web específica para o público infantil, a Academia complementa nas vésperas do aniversario de Xela Arias –nada o 4 de marzo de 1962– a súa oferta de xanelas virtuais sobre a súa vida e obra, tras a activación o pasado mes de xaneiro da sección das Letras Galegas 2021 na web institucional, academia.gal, en permanente actualización.
“Para a Real Academia Galega, este encontro de presentación da Primavera das Letras, que facemos todos os anos cos rapaciños e rapaciñas que están descubrindo o mundo, as palabras e tamén a significación da literatura, é unha festa”, expresou o presidente da Real Academia Galega. “Nesta ocasión a figura de Xela Arias convoca todo o cariño, toda a sorpresa, toda a alegría que ten sempre a palabra da poeta nas novas xeracións, que son unha sementeira de esperanza”, engadiu.
A Real Academia Galega mantén a web primaveradasletras.gal dende o ano 2016 co apoio da Deputación da Coruña. A que é xa a sexta edición arrinca cunha ficha biográfica sobre Xela Arias e unha actividade interactiva sobre Vigo. A estes contidos sumaranse nas vindeiras semanas outras propostas para achegarlles aos nenos e nenas o mundo da poesía, da edición e da tradución a través da obra da protagonista das Letras Galegas 2021; e tamén para coñecer a súa Sarria natal, o seu compromiso co coidado ambiental ou a súa afección pola música, explicou Fina Casalderrey. O proxecto completarase co concurso Contádenos o voso Día das Letras, aberto aos centros de infantil e primaria. A académica expresou a súa satisfacción polo incremento paulatino de participantes en cada edición, mostrou o seu desexo de que esta progresión continúe e animou a todos os colexios a compartir a través deste certame as homenaxes e os traballos que lle dediquen a Xela Arias.
Fina Casalderrey agradeceu ademais a presenza no acto da familia da homenaxeada e a excelente acollida do colexio de Sárdoma-Moledo. A celebración contou con, Amparo Castaño, nai da autora; o seu fillo, Darío Gil Arias; e os seus irmáns Lois, Marcos e Xoán. Lois Arias Castaño agradeceu en nome da familia o recibimento da comunidade educativa de Sárdoma-Moledo, onde estudaron os cinco irmáns. “Temos moi bos recordos neste colexio, onde pasamos a infancia. Da nenez sempre hai boas lembranzas, pero é que ademais este colexio é moi bonito, está en Vigo pero nunha zona aberta, no medio da natureza”, gabou. (…)
A oferta de contidos dixitais arredor das Letras Galegas de Xela Arias incluirá propostas audiovisuais que poderán verse proximamente nas redes sociais da RAG e na sección das Letras Galegas de academia.gal. Neste espazo xa están dispoñibles a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos.”