Desde Nós Diario:
“A obra Imaxes roubadas, da viguesa María Dolores Araújo, foi a escollida polo xurado do XXIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. A gañadora recibirá un premio de 4.000 euros e a obra será publicada por Xerais.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado, que contou con Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín.
A obra Imaxes roubadas destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, porque “nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria… “
O xurado valora positivamente que de once obras de arte do século XX, seis estean realizadas por mulleres, sen esquecer o protagonismo feminino na maioría de relatos. Ademais, a presenza da arte galega é salientábel.”