Rocío Leira: “Creo que a literatura debe ter tamén unha función social”

Entrevista a Rocío Leira en Faro de Vigo:
“(…) – Faro de Vigo (FV): Ti es matemática, pero neste libro atopamos referencias á filosofía e cantidade de xogos nemotécnicos, as letras e as ciencias están máis preto do que pensamos?
– Rocío Leira (RL): Letras e ciencias, a pesares do tópico creo que están intimamente relacionadas. Foron moitos os matemáticos que ó longo da historia destacaron no mundo dos libros: Lewis Carroll, Echegaray… En Cicuta para dous trátase o tema da filosofía e malia que matemáticas e filosofía poidan parecer disciplinas diametralmente opostas, en realidade, ambas están moi ligadas, pois nas dúas se traballa coa mesma materia prima: os pensamentos. En ambas, a razón, o sentido crítico e a abstracción son elementos esenciais, polo que mesmo se podería decir que lonxe de seren disciplinas opostas, ambas se complementan á perfección.
– FV: E como marca (se é que o fai) a matemática na forma de escribir? Moitas revisións? Búsqueda de exactitude?
– RL: Son matemática vocacional e para min a miña profesión é moito máis que un modo de gañarme a vida. No meu caso as matemáticas representan un modo de ser e de estar no mundo, unha maneira particular de entender a vida. Polo tanto, resulta case inevitable que esa paixón non se traslade a todo o que fago, incluída a miña faceta literaria. Creo que nos meus escritos se adiviña sempre un certo matiz matemático e o emprego da lóxica ten un papel protagonista.
No caso de Cicuta para dous non ía ser menos, e nas súas páxinas transmítese unha defensa acérrima do pensamento e da reflexión como ferramentas indispensables para conducirnos pola vida.
– FV: E nese caso, como marca a filosofía?
– RL: Son unha gran lectora de filosofía, e malia que carezo de formación nese eido, adoro esa disciplina. En Cicuta para dous trato de transmitir ese gusto polo oficio de Sócrates pois considero que nestes momentos a filosofía é máis necesaria ca nunca. Rodeados como estamos de falacias, fake news e posverdades, penso que é imprescindible desenvolver un sentido critico para analizar todo o que está acontecendo e para protexernos da manipulación á que nos vemos sometidos dende todos os estamentos da sociedade. (…)”

Poesía e filosofía, nos premios Merlín e Jules Verne de Xerais

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“No Diario Cultural da Radio Galega conversaron con Anxo Iglesias, que nos presenta neste premio Merlín de literatura infantil un poemario para xogar coas palabras: “Celebro que o premio sexa para a poesía, moitas veces secundaria, pero que sempre está aí para acompañarnos e é a nova dimensión que permite que existan as demais”.
Pola súa banda, Rocío Leira achéganos ao mundo da filosofía con dous protagonistas que tratarán de resolver un misterio que aparece nos anuncios por palabras dun xornal. O seu foi o libro gañador do premio Jules Verne de literatura xuvenil: “No libro búscase persoa valente para resolver un misterio, e eu busco que o lectorado valente se abra á filosofía dunha maneira divertida”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

Pontevedra: Culturgal 2022, do 24 ao 27 de novembro

María Solar, Rocío Leira e Anxo Iglesias, Premios Xerais 2022

Compostela: actividades destacadas do 12 de maio na Feira do Libro 2021

O 12 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

18:00 h. María Moure de Oteyza asina María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel, publicado por Teófilo.
19:00 h. Antón Recamán asina As mans atlánticas da ausencia, publicado por Urutau.
20:00 h. Montse Pena Presas asina Intempestiva. Unha biografía (literaria) de Xela Arias, publicado por Galaxia.
20:00 h. Rocío Leira asina A afogada, publicado por Xerais.

Tabela dos libros. Abril de 2021

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a nova Tabela dos Libros, que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

María Dolores Araújo gaña o Certame de Narración Curta Ánxel Fole con Imaxes roubadas

Desde Nós Diario:
“A obra Imaxes roubadas, da viguesa María Dolores Araújo, foi a escollida polo xurado do XXIII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. A gañadora recibirá un premio de 4.000 euros e a obra será publicada por Xerais.
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado, que contou con Antía Yañez, Rocío Leira e María Xosefa Senín.
A obra Imaxes roubadas destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, porque “nos descobre un mundo literario paralelo ao artístico. Preséntanos vinte e nove historias ateigadas de sensibilidade e tenrura, cunha linguaxe suxestiva que axuda a organizar o relato, que flúe e en ocasións remata de xeito sorprendente. A diversidade está presente nos seus temas: a soidade, a incomprensión, a sororidade, o amor, o erotismo, o rexeitamento da misoxinia, a denuncia da miseria… “
O xurado valora positivamente que de once obras de arte do século XX, seis estean realizadas por mulleres, sen esquecer o protagonismo feminino na maioría de relatos. Ademais, a presenza da arte galega é salientábel.”