Entrevista de Montse Dopico a Daniel Salgado en Praza:
“Os paxaros e outros poemas (Xerais) é, como todos os poemarios de Daniel Salgado, un libro atravesado por tensións non resoltas. Desta volta, unha relaciona a transformación incesante da historia cunha suposta –que se revela falsa– inmutabilidade da natureza. Outra é o “marasmo da política emancipadora fronte á hiperactividade do capital”, co mundo do traballo e a organización de clase, “as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente” de fondo. O autor respondeu as nosas preguntas por correo electrónico.
– Praza (P): Comeza o libro cun poema sobre a realidade que se nos escapa, sobre a humildade da materia que nos vence. Por que?
– Daniel Salgado (DS): O poema, titulado Oración, e os tres poemas da sección final –Coda– funcionan dalgunha maneira en paralelo. Poden lerse como mapa, sumario ou caixa de ferramentas. Ou como todo o contrario. En todo caso, o último verso de Oración -“Vence, digamos, a humildade da materia”- é un verso nuclear para o libro e os seus significados.
– P: Na parte titulada ‘Os paxaros’ están presentes -en realidade, en todo o libro- distintas especies de paxaros. E a voz poética fala de como interromper a ética da aceptación. Da ignorancia sobre o proceso histórico. Coma Dos tempos sombrizos, remite a unha sensación de fracaso, a unha, quizais, parálise da loita de clases, cunha clase obreira en proceso de desintegración. Que ten que ver Os paxaros e outros poemas con isto?
– DS: Os paxaros e outros poemas foise construíndo nun intre que eu percibo como de restauración de certa orde cuestionada tras os sucesos históricos acontecidos entre 2008 e 2012. Ese foi o medio ambiente en que escribín estes poemas. A maiores, neles respira unha conciencia da longa duración histórica. Aí talvez entren consideracións sobre o mundo do traballo e a organización de clase, as dificultades de esculcar un horizonte emancipador ou a incapacidade para ler politicamente o presente. Pero máis que a temática do libro, entendo que eses son elementos do medio ambiente en que o escribín e que tal vez emerxen nos poemas.
– P: Por que tanta presenza dos paxaros?
– DS: Os paxaros que aparecen no libro -paxaros comúns, que se poden ver en calquera lugar do país- son os paxaros que observaba desde a fiestra do cuarto onde traballei en boa parte dos textos. Provocaron os poemas. (…)”