Raquel Castro: “Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino”

Entrevista de Ana Abad de Larriva a Raquel Castro en Erregueté:
“A resolución do Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais 2021 fíxose pública o venres pasado, 25 de xuño, nun acto celebrado no IES Ribeira do Louro, no Porriño, e a obra gañadora resultou ser Casa de feras, de Edgar Costas Sanmartín.
Foi esta xa a cuarta edición dun certame organizado polo IES Ribeira do Louro que conta co apoio do Concello do Porriño e a Editorial Galaxia, e que naceu “coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario”. Falamos coa dramaturga e docente Raquel Castro, coordinadora do premio, para facer un balance destes catro anos. (…)
– Erregueté (E): O certame xurdiu para cubrir un baleiro en canto a textos que fosen dirixidos a ser postos en escena por rapaces e rapazas?
– Raquel Castro (RC): Si. Podemos pensar que a partir dos doce anos as rapazas e rapaces poden ler e interpretar calquera texto teatral destinado a público adulto. É certo, mais tamén precisan de ver representadas enriba das táboas as súas inquedanzas máis cotiás e ser eles mesmos e elas mesmas os que as poidan levar a escena, sentíndose identificados e identificadas.
– E: Que presenza teñen os textos teatrais no ensino secundario?
– RC: É habitual propoñer literatura xuvenil en narrativa e poesía como lectura nas aulas, mais o teatro é cousa distinta, sempre para o final e, se cadra, algunha representación, mais nunca na listaxe de lecturas recomendadas. Porén é moi necesario traballar o teatro na adolescencia xa que é un momento clave do desenvolvemento e pode ser dunha gran axuda para lograr a autonomía persoal e a integración social.
– E: Que beneficios detectas que achega o teatro á mocidade?
– RC: Traballar o teatro nas aulas permite expresar e comunicar ideas, sentimentos e vivencias. A súa presenza na educación é fundamental xa que contribúe ao desenvolvemento humano ao integrar o uso do corpo e a voz nun espazo e un tempo determinado. Asemade nútrese de linguaxes diversas, como a literatura, a música, a plástica e as linguaxes audiovisuais, o que permite un enfoque interdisciplinario.
A formación escénica activa procesos como a percepción, a atención, a concentración e a memoria. Promove o autocoñecemento e a madurez emocional, aspectos fundamentais para afianzar a propia identidade. A interpretación aumenta a sensibilidade estética e a consciencia corporal, ademais, o traballo grupal promove o respecto ao outro, o compromiso co grupo e a asunción de responsabilidades individuais e colectivas.
E para traballar o teatro nas aulas precisamos ter textos que nos axuden e cos que poidamos compartir, por iso é tan importante este premio porque nos dá ferramentas para traballar nas aulas.
– E: Que balance fas destas catro edicións do certame?
– RC: Logo de catro anos non podo facer máis que un balance positivo deste certame que fornece a biblioteca teatral galega ofertándonos textos de calidade e diversidade temática, dende o absurdo da guerra á violencia de xénero e as liberdades individuais. Porque o teatro axuda a facer homes e mulleres libres é preciso integralo na columna vertebral da sociedade: o ensino.”