“A Maxina de Marcial Valladares gaña nova vida”

Desde Nós Diario:
“Novelista, poeta, lexicógrafo, xornalista… o legado intelectual e artístico que deixou Marcial Valladares foi fundamental para a conformación do galego como lingua culta, e a súa obra Maxina ou a filla espuria un verdadeiro punto de inflexión para a literatura galega moderna. (…)
Agora, co gallo do bicentenario do seu nacemento, a editorial Galaxia réndelle homenaxe e ofrece ao público lector unha edición especial desta emblemática narrativa. Unha peza que estaba “esquecida”, comenta para Nós Diario Xesús Domínguez Dono, encargado da edición e promotor da iniciativa. “Sempre se fala da primeira novela en galego, mais o texto non estaba accesíbel”, manifesta.
Cun coidado deseño, coa capa bañada por un azul intenso na que domina o título da obra, impreso en amarelo, Galaxia ofrece como atractivo engadido a reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870: “Púxenme en contacto coa Real Academia Galega, que nos facilitou a dixitalización do orixinal, e fun ver o manuscrito, unha preciosidade de pulcritude, de traballo manual da época”, explica o editor. Deste modo, optaron por levar adiante a reprodución facsímil, como obra de arte, acompañada dunha edición na que valoraron ofrecer un texto “moi adaptado” para facilitar a lectura, mais “marcando a diferenza entre as linguas, como era intención do autor”, engade.
Maxina ou a filla espuria lanzouse por entregas o día 28 de xullo de 1880, na publicación La Ilustración Gallega y Asturiana, unha revista editada en Madrid baixo dirección de Manuel Murguía na súa parte literaria. Considerada o primeiro exemplo de novela galega moderna, non foi publicada ao completo até 1890, aínda que o manuscrito que agora presenta a editorial Galaxia é de 1870. “O texto foi publicado primeiro en prensa, cunha serie de alteracións que non lle gustaron nada a Marcial Valladares, e até 1970, con motivo da homenaxe que recibiu no Día das Letras Galegas, cando Galaxia sacou a primeira edición en libro, non había ningunha edición desa novela”, explica Domínguez Dono.
“Unha obra pasa a categoría de clásica cando se reedita cada 15 anos”, asegura Xosé Antonio Fernández Salgado, especialista no intelectual estradense e autor do prólogo desta edición, en conversa con Nós Diario. Non obstante, é aínda un texto pouco coñecido, “habería que incluílo na listaxe dos libros obrigatorios de lectura”, comenta. Trátase dunha obra “entretida” e incluso “permitiría facilmente unha adaptación a serie”.
Maxina narra a historia de Otilia de Sancti-Petri, unha moza da burguesía compostelá que é violada nun baile de máscaras, a consecuencia do cal nacerá unha nena que chamarán Maxina. Cun enredo e temática propia da novela de folletín, para o filólogo Fernández Salgado en Maxina entrecrúzanse varios elementos comúns deste xénero con “características do propio Valladares como autor”, que enriquecen o texto, pois nela aparecen as pegadas “do Valladares lexicógrafo, do folclorista e do literato e amante do romanticismo”. (…)”