Lugo: Tarde e Tardiña 2021, 5 de agosto

A Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo organiza unha nova edición de Tarde e Tardiña, unha serie de espectáculos de música, teatro e narración oral que se poderán desfrutar na Canella do Hospital durante as tardes dos xoves, e que en caso de choiva trasladaranse á carpa da praza da Soidade.

Este é o programa para o 5 de agosto:
Tarde 18:30
Varietés do animalario, de Paporrubio
Duración: 50 minutos
Idade recomendada a partir de 3 anos
Nun contexto humorístico e divertido, a raposa e o lobo vense envoltos nun conflito pola propiedade dunha pereira con sete peras, á que misteriosamente lle van desaparecendo as peras unha a unha. No texto vense cuestionados os roles habituais que teñen a raposa e o lobo nas cultura galega de tradición oral; os dous vólvense vexetarianos, son rexeitados polos seus grupos habituais de compañía e acaban sendo compañeiros a causa do amor pola Pereira coas sete peras. Todo isto, acompañados das características humorísticas clásicas da tradición de monicreques galega: os enredos lingüísticos, a cachiporra, a astucia do heroe e do antiheroe…

Tardiña 21:00
Poesía pulp(o)
Piti Sanz, Xurxo Chapela e Samuel L París
As poetas cumpren co seu mandato: mudarlle o nome ás cousas chamándoas polo que son. O Far West do rupturismo anti-poético ten un pé en Muros e outro en Carballo. As poéticas transgresora, metaliteraria e auto- referencial de Samuel L. París e Xurxo Chapela entran en diálogo coa música dun auténtico rocker ilustrado, o lucense Piti Sanz, protagonista de páxinas substantivas da música galega e os seus territorios fronteirizos. Alguén dixo que a poesía é un arma cargada de futuro, o malo é que o futuro é do Santander Central Hispano.”