Artigo de Manuel Xestoso en Nós Diario:
“A poesía nace coa vontade de formar parte da existencia, de fundirse coa realidade e mesmo de contribuír a transformala. Nun tempo en que a principal ameaza sobre o mundo procede da súa sobreexplotación, na idade das extincións masivas, do quecemento global e do empobrecemento sen precedentes da biodiversidade, os poemas de Marta Dacosta apuntan unhas Notas sobre a extinción -o título do seu último libro- que advirten sobre o colapso do planeta, mais tamén invita a deterse e contemplalo para reparar na perda que se anuncia, para tratar de que sexamos conscientes da íntima conexión que o liga todo e que forma parte do noso ser.
A paisaxe érguese como horizonte último destes poemas, mais non a paisaxe épica dun Novoneyra, senón a das cousas humildes, a do morcego que se extravía no solpor, a da avelaíña que pousa nun libro, a da lentitude da herba. “É unha preocupación que teño desde sempre”, afirma Dacosta, “a paisaxe é algo moi importante para min, un tema de preocupación que neste momento de colapso acabou verbalizándose. O devir do mundo no que estamos é, loxicamente, un asunto que debe preocuparnos a todas e a idea de extinción recollía moitas das teimas que me ocupan o pensamento.
A extinción para min, non supón soamente a desaparición física, senón tamén a invisibilización, o esvaecemento que supón o non saber ver as cousas. Cando deixamos de ver algo, deixamos de nomealo, e iso, dalgunha maneira, é unha forma terríbel de extinción”.
Notas sobre a extinción, quizais pola magnitude do tema, semella máis reflexivo que o resto da obra de Dacosta, ou polo menos máis contemplativo. “Eu diría que é un libro de observación, de aprender a mirar as cousas. Mentres o escribía decateime de que deixaba un pouso diferente, talvez como resultado de adoptar esa posición de observadora. Claro, tamén é o resultado do paso do tempo, de como imos cambiando a mirada. Mais, en todo caso, si hai algunhas conexións con outros libros meus, de hai anos, que xa manifestaban ese interese pola paisaxe, como Crear o mar en Compostela. (…)”