Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021, con Imma António Souto, o 27 de novembro

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2021 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña, que permiten coñecer unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

– A inscrición, previa e obrigatoria, farase exclusivamente desde o luns anterior a cada paseo no correo inscricionslingua@coruna.gal indicando no asunto “Inscricións Paseos”
Número máximo de participantes por paseo: 25.
– Todos eles comezarán ás 12:00 h., cunha duración aproximada de hora e media.
– A pesar de ser unha actividade exterior, as persoas deberán empregar máscara nos momentos nos que, para atender as explicacións, se deba permanecer de pé, e respectaranse as distancias de seguridade e o resto das medidas anti-Covid.

Sábado 27 de novembro: Imma António Souto. Irmandades teatrais.
Destinado a público a partir de 16 anos.
Un percorrido desde a necesidade da escrita dramática sinalada polas Irmandades da Fala ao cuestionamento do rol do teatro na nosa sociedade actual. Sería, con todo, un percorrido sentimental polas experiencias teatrais da dramaturga pola súa cidade natal, deténdose no propio anecdotario como actriz, dramaturga e voz necesaria para visibilizar as mulleres dentro do mundo teatral galego.