Camilo Franco constrúe un piso para subverter as convencións literarias

Entrevista de Manuel Xestoso a Camilo Franco en Nós Diario:
“Talvez afirmar que o mundo cambia cada vez a maior velocidade sexa unha apreciación enganosa, mais do que non cabe dúbida é de que o que si se transforma cada vez con máis celeridade son os hábitos de comportamento e consumo cultural. Como unha forma de lles facer fronte a estas mudanzas, o xornalista, escritor e crítico Camilo Franco vén de presentar unha aplicación persoal –Piso Franco, que xa se pode descargar para Android e para iPhone- na que irá publicando textos breves cada semana e na que xa se poden ler decenas de pezas literarias e xornalísticas. Un 25% dos contidos será gratuíto, e o resto, só ao alcance dos subscritores. Piso Franco é un proxecto novidoso -até onde se ten noticia é a primeira app persoal dun escritor- na que as lectoras e lectores poden “subscribirse a un autor”.
“A decisión ten a ver con cousas que fixen antes como literatura na web, ou no Facebook”, explica Franco. “En certo modo é unha consecuencia de todo aquilo, creo que indispensábel estar aí. A literatura sempre cambiou coa introdución de novas tecnoloxías -desde o papiro até a radio, pasando pola imprenta- , e un teléfono móbil é un soporte tan bo para ela como calquera outro e, en función do que esperes, mesmo pode ser mellor. Creo que no futuro isto vai ser moito máis habitual do que é agora e que se non nos damos présa por ocupar ese terreo o que vai suceder é que o farán outros”.
Precisamente por esa experiencia previa en proxectos similares, a intención de Franco é tamén levar até os seus límites ás convencións do xénero, ver de que maneira o soporte condiciona a escrita.
“En case todas as miñas experiencias anteriores o que mandaba era a literatura breve”, afirma. “Sempre confiei na literatura breve e na capacidade de adaptación que ten: creo que xa está demostrado que se acomoda case en calquera soporte e que, ademais, funciona. Non perde a súa capacidade de comunicación entre un autor e os lectores. Como vai cambiar de aquí en diante? Pois iso é o que imos ver. O proceso está aberto e creo que veremos como vai cambiar a narrativa e como van facelo os xéneros”. (…)”