Entrevista a Miriam Ferradáns en Nós Diario:
“- Nós Diario (ND): Como recibiu este recoñecemento?
– Míriam Ferradáns (MF): O certo é que tiña unha espiña cravada do ano pasado, que fora finalista mais fixérase con el Cristina Pato. Quedárame esa sensación agridoce de estar entre os tres finalistas, que é moi bonito, mais non gañar. Este ano tiña esa necesidade de sacarme esa espiña. Aínda así, tampouco pensaba que o fose gañar, a verdade. Ía bastante tranquila e a vivir a experiencia outra vez. Estou moi contenta. Pódese dicir que agardei por el, o ano pasado non puido ser e este acabou por chegar.
– ND: En que momento sentiu a necesidade de escribir o artigo?
– MF: Era algo que tiña na cabeza dende hai anos. En Bueu, todos os anos o día de Todos os santos hai un barco -un servizo especial-, para que a xente poida ir á illa levar flores aos mortos. A min era algo que me chamaba moito a atención, pero que tamén me perturbaba.
Necesitaba pensar e escribir sobre ese suceso. Está escrito en novembro, xusto despois de que pasase ese día. Sempre acababa recibindo unha foto ou do barco ou do cemiterio e ese ano non me chegou, pola pandemia e demais. De feito, non sei se houbo o ano pasado, pero sentín que necesitaba contarlle aos demais que iso acontecía onde eu vivo.
Logo, reflexionaba tamén un pouco máis sobre a vida na illa de Ons, pero esa vida do rural que esmorece. A illa que coñecemos non é a mesma que coñecen todas as persoas que viviron alí durante moitos anos ou toda a súa vida. Esa illa practicamente xa está desaparecida.
Parecíame tamén interesante mencionar algunha pista sobre iso.
– ND: Ao comezo do artigo, menciona en varias ocasións a figura de Cesáreo. De quen se trata?
– MF: Cesáreo é un dos últimos habitantes permanentes da illa de Ons. É un home moi coñecido en Bueu, en todo o Morrazo, e tamén entre aquelas persoas que visitan habitualmente a illa. Escritores, fotógrafos, xornalistas… fálaslle de Cesáreo e coñéceno. Trátase unha figura emblemática da illa de Ons. Dos últimos colonos que quedan alí todo o ano, con todo o que iso supón e coa maxia que implica ser un habitante permanente dunha illa na que non teñen luz todo o día, servizos médicos, servizo de transporte, nin regular nin irregular… Eles durante o outono e o inverno están alí e sérvense grazas aos pescadores, que en calquera caso poden facerlle un favor ou mesmo levalos a terra firme se o precisan. Eu falo de Cesáreo porque é como a representación dese grupiño de persoas que aínda queda aí, que son moi poucos, tres ou catro. (…)”