Santiago Jaureguizar gaña o Fernández del Riego de Xornalismo co texto ‘Pólvora sen magnolias na discoteca Clangor’

Desde Letra en Obras:
“O xornalista e escritor Santiago Jaureguizar vén de conseguir un dos premios de referencia dentro da comunicación en lingua galega: O Fernández del Riego de Xornalismo, que convoca anualmente Afundación. O xurado, composto por Alfredo Conde, Víctor Fernández Freixanes, Gervasio de Posadas e Carlos Valle, distinguiu o texto ‘Pólvora sen magnolias na discoteca Clangor’. No mesmo acto tamén se deu a coñecer o Julio Camba de Xornalismo, que recaeu en Ricardo F. Colmenero, polo artigo La comunidad.
A entrega dos galardóns, dotados con 6000 euros cada un, terá lugar no outono na cidade de Pontevedra.”

María Varela leva o Premio de Xornalismo Fernández del Riego

Desde Cultura Galega:
Cóxegas e tartas é o título do artigo publicado no Diario de Pontevedra co que a xornalista María Varela se impuxo no XIV Premio de Xornalismo Fernández del Riego. O galardón que recoñece os traballos publicados na nosa lingua, está dotado con 6.000 euros e convócao Afundación en colaboración co Ámbito Cultural El Corte Inglés. O xurado, que presidiu o escritor Alfredo Conde, destacou a “aposta de futuro” que realiza o texto premiado. (…)”

O Premio Fernández del Riego de Xornalismo premia un artigo de Manuel Bragado

Desde Sermos Galiza:
“O editor Manuel Bragado é o novo gañador do Premio Fernández del Riego de Xornalismo polo seu artigo Illa Soidade, publicado no xornal diario Faro de Vigo do que é colaborador. No artigo, Manuel Bragado repara, como todos os días e todas as noites, nun vello que vive na rúa, no centro de Vigo e reflexiona, cunha coidada lingua e unha tensión que convida á lectura, sobre os “sen teito” ao tempo que, desde a imaxe do home da rúa Urzáiz faise preguntas sobre o seu pasado, as razóns que conducirían a súa vida e mesmo sobre o seu futuro, nun artigo de corte social e forma literaria que toma o título da novela da escritora An Alfaya, Illa Soidade. (…)
O premio Fernández del Riego está convocado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés e está dotado con 6.000 euros.”

Manuel Darriba gaña o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

Entregouse en Pontevedra o X Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, outorgado pola Fundación Novacaixagalicia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés. Nacido coa vocación de recoñecer e impulsar o uso do noso idioma nos medios de comunicación, este ano recaeu nun artigo de Manuel Darriba.

Carlos G. Reigosa gaña o IX Premio Fernández del Riego de xornalismo

“Carlos G. Reigosa obtivo o Premio Fernández del Riego na súa novena edición polo artigo Paraíso case baleiro, publicado tamén en La Voz de Galicia, suplemento Culturas, o 30 de abril do 2011. (…) O xurado destacou a calidade literaria dos escritos de ambos os gañadores, seleccionados entre máis de sesenta finalistas.” Vía Galaxia.

Bases do IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia

O premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego naceu coa vocación decidida de animar e impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación, ao tempo que recoñece a tradición literaria e xornalística dos escritores que utilizaron e utilizan a nosa lingua na prensa. A figura de Fernández del Riego reúne as características esenciais que inspiran esta convocatoria: identidade coa lingua galega, espírito aberto e universal, compromiso ético e presenza activa no xornalismo, no que dirixiu e animou iniciativas moi diversas. Novacaixagalicia homenaxea a súa figura e, a través deste premio que leva o seu nome, fai extensiva a homenaxe aos escritores e xornalistas que contribúen decote á construción do discurso cívico en Galicia.

BASES

– 1. O IX Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego acollerá artigos propios do chamado xornalismo literario e de opinión, publicados, con nome ou pseudónimo, en calquera medio de comunicación impreso ou dixital de cabeceiras recoñecidas, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano 2011.
– 2. Os artigos deberán estar escritos en lingua galega.
– 3. Poderán presentarse todos aqueles escritores de artigos xornalísticos que cumpran co requisito sinalado na primeira destas bases.
– 4. Poderán presentar tamén propostas e candidatos as institucións, públicas ou privadas, academias ou fundacións de todo o ámbito da convocatoria que o estimen oportuno.
– 5. As propostas nacidas ao amparo dos puntos anteriores, deberán presentar orixinal e/ou documento en formato electrónico (pdf) da páxina completa do xornal ou revista que acollese a publicación. Acompañando o traballo que se presenta ao concurso, indicarase o nome, dirección postal, teléfono e NIF do concursante ou, no seu caso, do propoñente, de xeito que se permita a rápida localización de cada un dos autores dos traballos concorrentes.
– 6. Ademais, Novacaixagalicia poderá elixir un comité de lectura e preselección que levará a cabo, ao longo de todo o ano, o seguimento que permita a previa selección e clasificación de todos aqueles artigos que estime que deban ser sometidos á consideración do xurado.
– 7. Só se presentará un traballo por autor, que deberá remitirse ao correo electrónico: premios@centrosocialnovacaixagalicia.com, indicando no asunto: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“, ou ao Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Augusto González Besada, 2-36001, Pontevedra, nun sobre pechado e indicando no exterior: “Para o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego“. O prazo de recepción de traballos finalizará o día 31 de marzo de 2012.
– 8. Novacaixagalicia designará o xurado, que estará formado por persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos xornalístico, literario e/ou académico.
– 9. O xurado cualificador conta con capacidade para resolver cantas cuestións merecesen ser consideradas para a interpretación das presentes bases. A súa decisión será inapelable.
– 10. Novacaixagalicia non manterá correspondencia cos concursantes e/ou propoñentes e inmediatamente despois de dar a coñecer a resolución do xurado procederá á destrución dos orixinais presentados.
– 11. Novacaixagalicia resérvase o dereito de reprodución do traballo premiado, así como de calquera outro que, presentado ao certame, mereza esa consideración en opinión do xurado.
– 12. O xurado cualificador reunirase na sede de Novacaixagalicia en Pontevedra e resolverá o premio no primeiro semestre de 2012. Con posterioridade realizarase a entrega do premio nun acto público.
– 13. O premio, que non poderá declararse deserto nin ser dividido, terá unha retribución de 12.000 euros.
– 14. A presentación ao certame implica a aceptación das presentes bases.

En Pontevedra, maio de 2011.

Xosé Carlos Caneiro gaña o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego

O venres 11 de marzo tivo lugar en Pontevedra o fallo da VIII edición Premio de Xornalismo en lingua galega Francisco Fernández del Riego, convocado por Novacaixagalicia coa vocación de impulsar o uso do idioma galego nos medios de comunicación. Nesta ocasión o artigo gañador foi Sumar, Ana, de Xosé Carlos Caneiro, publicado en La Voz de Galicia o 28 de setembro de 2010, a propósito da morte de Ana Kiro. Nesta edición presentáronse un total de 23 artigos en galego.